Friday 22 de November de 2024

Ribeira clausura a terceira Xornada de Pesca


Hoxe celebrouse a III Xornada de Pesca de Ribeira na que asistiron á súa apertura, Alfonso Villares, conselleiro do Mar, Gloria Mª Santalla, directora da Escola Oficial Náutico-Pesqueira e Mª José Casáis, xerente de OPP83; ademais estiveron presentes na xornada o alcalde Luís Pérez, o concelleiro de Sanidade, Juan Luís Furone, entre outras autoridades.

Nunha xornada ateigada de relatorios e de público, abordáronse diferentes cuestións para o futuro do sector así como novos regulamentos, a comercelialización, as oportunidades financiamento, a situación da pesca no litoral, as cuotas, os descartes e a política de pesca da Unión Europea.
A xerente da OPP83 Mª José Casais e o alcalde, Pérez Barral, clausuraron a xornada.

O rexedor fixo alusión ás cuestións fundamentais como os regulamentos e normativas, esenciais para garantir unha actividade pesqueira sostible e responsable, e afirmou “debemos traballar para que estas normas recoñezan a singularidade da pesca galega e, por tanto, eviten os danos á nosa economía e o noso sistema produtivo” tamén quixo contextualizar que “o mar en Ribeira supón xeración de riqueza, sen dúbida, xa que son miles de postos de traballo e representa un 32% do PIB municipal pero o mar tamén é cultura e tradición. Por iso dende o Concello creamos unha concellaría do Mar que vele polos intereses do sector e tamén estamos destinando recursos a accións de promoción dos nosos produtos pesqueiros con diversas feiras e eventos, e agora a finais do mes de outubro realizaremos unha mostra de cine documental, única en España, que está relacionada co mar.”

Barral puxo de manifesto que os foros de debate son imprescindibles para seguir mellorando noso propio sector e finalmente agradeceu que “Ribeira poida acoller eventos como este, por iso reitero o meu agradecemento á Cooperativa de Armadores. Anímovos a que sigamos traballando xuntos, coa mirada posta nun futuro sostible para a nosa pesca e para o noso mar”.