Friday 22 de November de 2024

O Partido Popular de Oleiros denuncia a desastrosa xestión en materia de augas que leva a cabo o concello a través de AquaOleirs


A ACUMULACIÓN DE INCIDENCIAS E AVARÍAS LEVA Ao LÍMITE A PACIENCIA DOS VECIÑOS DE OLEIROS ANTE A EVIDENTE INEFICIENCIA DEMOSTRADA POLA ENTIDADE MUNICIPAL

Xa sexa pola aparición de verteduras de augas residuais directamente ao subsolo, os rebentóns que se produciron, entre outros, nos Regos, Ché Guevara ou Dr. Fleming, pola turbidez que presenta a auga en Abeleiras -e que vai camiño de converterse en habitual-, o asunto da auga en Oleiros é noticia case a diario e pon de manifesto un sistema de canalización obsoleto e non dimensionado á realidade actual dun concello próximo a 40.000 habitantes.

A xuízo do Partido Popular, a estes problemas de infraestruturas, dos que o Alcalde tenta ocuparse poñendo parches pero sen querer atallar o problema de raíz, únese a desastrosa xestión da auga que está a levar a cabo Aquaoleiros desde a súa creación, hai xa dous anos.

A este respecto referiuse a portavoz municipal do Partido Popular. Loli silva, quen declarou “Recentemente procedeuse á substitución do xerente de Aquaoleiros, o cal cuestiona a súa idoneidade no momento da contratación, pero o que está claro é que a día de hoxe non coñecemos que exista ningún plan para abordar nada, ningunha dotación especial ou urxente para resolver a enorme lista de problemas que sofren a diario os nosos veciños.”
“Somos conscientes da envergadura orzamentaria que supón a adaptación da rede de abastecemento e saneamento nun concello co crecemento que experimentou Oleiros nas últimas décadas. Precisamente é por iso e porque o tema da auga é algo tan básico e necesario que non entendemos como o Alcalde pode deixar este asunto esquecido nun caixón e destinar, no seu lugar, millóns e millóns de euros ao edificio multiusos que, obviamente, nin é tan urxente nin tan necesario”, sentenciou a portavoz Loli Silva.