A competición, na que colabora o Concello, celebrarase na Escola Maroña Indoor desde as 11.00 horas
Esta fin de semana celébrase na Coruña o Campionato Galego Rampla (Bowl) para skaters federados en Galicia. A competición desenvolverase nas instalacións da Escola Profesional de Skate Maroña Indoor ubicadas na Avda. Nostián (Polígono A Artística) Nave 11 de A Coruña. O Concello da Coruña colabora na organización deste evento, promovendo o deporte entre a mocidade.
As categorías da competición serán a sub16 e absoluta feminina e masculina e o horario do evento prolongarase desde as 11.00 ata as 20.00 horas. Ás 11.00 comezará a sesión de adestramento libre e aproximadamente ás 13.00 iniciarase a competición coa primeira manga. A partir das 16.00 e ata as 20.00 os/as participantes loitarán por clasificarse nos primeiros postos da competición. A partir das 20.00 horas terá lugar a entrega de trofeos.
Os clubs participantes virán de toda Galicia e serán: Maroña Indoor (A Coruña), Viejo Lobo (Pontevedra), Northside (A Coruña), Barrier (Vigo) e Barrel (Narón). O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez participará na entrega de trofeos, amosando o compromiso do Goberno de Inés Rey con todas as modalidades deportivas e a súa práctica entre a cidadanía para fomentar hábitos de vida saudables.
O campionato está organizado pola Escola Profesional de Skate Maroña Indoor coa colaboración do Concello da Coruña e Federación Galega de Patinaxe.