Friday 22 de November de 2024

O Concello de Santiago convoca máis de 4,2 millóns de euros para a rehabilitación de vivenda


O concelleiro de Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, destaca o obxectivo de aproveitar o parque inmobiliario existente para unha cidade compacta

Nunha rolda de prensa, Iago Lestegás adiantou que o executivo municipal aprobará o vindeiro luns o lanzamento de dúas convocatorias de axudas para a rehabilitación de edificios enmarcados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado polos fondos da Unión Europea NextGenerationEU.
A liña de axudas aprobarase o vindeiro luns pola Xunta de Goberno local. Trátase de 2.186.400 euros para a rehabilitación da vivenda construída no século XX nos barrios de Pontepedriña, Vite e Vista Alegre e 2.083.200 euros para actuacións nos edificios da cidade histórica.

En liña co propósito municipal de aproveitar o parque inmobiliario que existe, así como de favorecer un modelo de cidade de proximidade e compacta, estas axudas supoñen unha gran oportunidade para mellorar a habitabilidade de moitos fogares da cidade. “En Santiago hai algo menos de 57.000 vivendas, un patrimonio que é moi significativo e que consideramos que é moi importante recuperalo, rehabilitalo e utilizalo, co obxectivo de cubrir as necesidades habitacionais que existen”, detallou o concelleiro.

En total, o Concello concederá axudas á rehabilitación de edificios de uso predominante residencial por un importe total de 4.269.600 euros. Deles, 2.186.400 euros estarán destinados ás promocións públicas de vivenda do século XX que corresponden ás áreas de rehabilitación integral (ARI) dos barrios Vista Alegre, Pontepedriña e Vite; e unha contía de 2.083.200 euros para os edificios situados na cidade histórica que coinciden coa Area de Rehabilitación Integral (ARI) e co ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da cidade histórica.

As axudas están dirixidas aos propietarios ou usufrutuarios de vivendas unifamiliares ou agrupadas, a comunidades de propietarios, sociedades cooperativas, empresas arrendatarias ou concesionarias dos edificios e agrupacións de propietarios.

Entre os requisitos básicos para solicitar as axudas, ademais de que a vivenda se atope no ámbito declarado, no caso dos edificios plurifamiliares, “probablemente a maior parte dos casos en Santiago” segundo o edil, deben contar co 50% de superficie construída sobre rasante con uso residencial agás o baixo, ter o acordo da comunidade e dispoñer das correspondentes autorizacións administrativas.

Iago Lestegás explicou que “estas axudas priorizan a mellora da eficiencia enerxética” polo que as actuacións realizadas debe acadar unha “redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% e tamén unha redución da demanda enerxética anual global de climatización do 25% en zona climática C e do 35% en zona climática D”. Ademais, o comezo da execución material fíxase a partir do 1 de febreiro de 2020, “polo que se poden subvencionar actuacións que xa estean feitas”, sempre que se presente constancia da execución, así como o título habilitante municipal e proxecto ou memoria técnica, tamén no caso de aquelas que aínda non se levaron a cabo.

A contía e porcentaxe máxima da axuda por vivenda e por superficie “dependerá da cantidade de aforro enerxético que se consiga coa actuación, con tres rangos”. Ademais estas axudas son compatibles con outras co mesmo obxecto, sempre e cando non se supere a contía total da actuación.

Estas contías máximas aumentan en casos de vulnerabilidade económica: “se os ingresos ponderados son menores ou iguais a 2,1 veces o IPREM, o indicador que se usa como referencia, as porcentaxes máximas de subvención chegan ao 100% e as contías máximas tamén aumentan considerablemente”. No caso de que os ingresos ponderados sexan menores ou iguais a 2,6 veces o IPREM, tamén aumentan as contías máximas respecto as cantidades estándar, pero non chegan ao 100%, deu conta o concelleiro.

Ao respecto dos criterios de concorrencia competitiva, terase en conta aquelas actuacións que acaden o maior porcentaxe de redución do consumo de enerxía primaria non renovable,e de redución da demanda enerxética anual global de climatización e a data de presentación da solicitude de título habilitante, por este orde. As axudas serán asignadas ata esgotar o orzamento dispoñible e o prazo de solicitude será de 3 meses desde a publicación no BOP. Ademais, a finalización e xustificación das actuacións terá que facerse antes do 30 de xuño de 2026.