∙ Son os propios responsables dos clubs os que teñen que realizar labores de conserxería e limpeza, algo que xa tiveron que facer en pretemporada.
∙ O Grupo Municipal Popular esixirá explicacións e unha solución inmediata no próximo pleno.
O Partido Popular de Culleredo denunciou, unha vez máis, “o absoluto deixamento e apatía do alcalde Rioboo e da súa concelleira de deportes, Cristina Pardo, cara aos clubs deportivos ao deixalos sen servizo de conserxería e de limpeza de vestiarios apenas comezada a nova tempada”.
Tras o ERTE total de Jardincelas en maio, empresa que viña prestando en precario este servizo desde 2020, o Concello recorreu a un contrato de emerxencia que se limita unicamente á limpeza de edificios municipais, pero non ás instalacións deportivas, “tendo os clubs que facerse cargo de labores de conserxería e limpeza desde entón”, declaran desde o Partido Popular.
Unha pretemporada e un comezo das competicións que “só contaron con dúas semanas de servizo de limpeza por un contrato de circunstancias que terminou o pasado domingo e do que, nin se prorrogou nin se informou aos clubs de que pasará a partir de agora”, denuncia a líder e portavoz popular, Izaskun García.
García Gorostizu sinala que “é inadmisible que os propios responsables dos clubs teñan que facerse cargo dun servizo que debe prestar o Concello. Tanto os pavillóns como os campos de fútbol teñen adestramentos todas as tardes. Imaxinemos o que supón a falta do servizo de limpeza durante unha semana enteira”.
Ademais do que supón a falta de limpeza e de hixiene das instalacións para os deportistas, “os clubs arríscanse a sancións federativas por esta irregularidade. Unhas sancións que son o pan o noso de cada día para os clubs de Culleredo polo pésimo estado de moitas das instalacións deportivas. É vergoñoso o estado de pavillóns como Tarrío onde caen ata as portas e o estado do parqué é un risco evidente de lesións para os deportistas”, denuncia García Gorostizu.
Os populares sinalan que isto é “un desprezo máis cara ás asociacións e clubs deportivos do noso municipio. Cun estado lamentable das instalacións, sen apenas mantemento, sen bolsas, sen subvencións nin axudas e agora sen servizo de conserxería e limpeza. Está claro que o alcalde e a concelleira de deportes só mostran interese polos nosos clubs cando queren saír na foto e aproveitarse dos seus éxitos”.