▪ O portavoz municipal socialista explica que se poderían enlazar as vivendas á acome7da de auga que está situada a apenas 60 metros do núcleo
▪ Defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que reclamará tamén o arranxo das pistas da zona que presentan un deterioro “importante” debido ao tránsito de vehículos pesados durante as obras
Sen iluminación nin subministro de auga atópanse na actualidade no núcleo do Castro, na Lavacolla. É a denuncia da que se fixeron eco este venres os socialistas que reclamarán no vindeiro da alcaldesa un maior interese na situación da veciñanza da zona. Segundo explicou o seu portavoz, Gonzalo Muíños, logo da construción do enlace orbital que conecta a AP-9 coa A-54, e para evitar que o núcleo quedara illado, realizouse un enlace directo, paralelo ao orbital que conectase a zona co mesmo. Unha conexión para a que, insiste, “o alcalde Bugallo liderou unhas negociacións co ministerio”, pero na que, as luminarias instaladas, seguen sen funcionar.
Neste sentido, esixirán a través dunha moción plenaria ao executivo de Sanmartin, a posta en funcionamento da iluminación pública deste novo viario. Tamén reclaman a instalación de colectores de lixo na zona e o arranxo dos viais que presentan “importantes fochancas” debido ao tránsito de vehículos pesados durante as obras. Unhas actuacións de mellora do asfalto que, iso si, defenden que sexa o propio Ministerio quen as execute.
Acome&da de auga a apenas 60 metros
Previo ao comezo das obras do enlace orbital, o goberno local socialista de aquel entón reunírase coa veciñanza que vive nesta parroquia, acordando a creación do xa citado enlace paralelo ao orbital, pero tamén a dotación de subministro de auga a través dos pasadizos inferiores da autovía da Lavacolla, que permitiría enlazar a acometida a apenas 60 metros das vivendas.
Muíños critica, neste sentido, o “absoluto desinterese” do executivo de Sanmartin pola situación destes veciños, e interpelará directamente ao goberno municipal no pleno para que informe sobre a situación na que se atopa a dotación de subministro de auga destas vivendas unifamiliares do núcleo do Castro e se está feita a solicitude de autorización co Ministerio de Transportes para realizar dita acometida, posto que a actuación, insisten, “con esta alternativa ten un moi baixo custo e un grande impacto na calidade de vida das veciñas e veciños do núcleo”.