Friday 22 de November de 2024

María Pita dá a saída ao oitavo Ecorallye A Coruña, con 50 equipos participantes


Os concelleiros Gonzalo Castro e Manuel Vázquez participaron esta tarde na cerimonia de saída da proba, referente do automobilismo sostible

O Ecorallye A Coruña chega á súa oitava edición formando parte da Bridgestone FIA EcoRally Cup, competición organizada pola FIA e que se encadra no campionato do mundo da especialidade. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participaron na cerimonia de saída, celebrada esta tarde na praza de María Pita, onde está situado o parque móbil da proba.

Os participantes iniciaron a competición este venres, 20 de setembro, coa saída da praza de María Pita ás 11.30 horas. Esta edición contará, entre outros, coa presenza do Campión do Mundo da especialidade, así como participantes da talla de Eneko Conde, Fran Gómez Pallas ou o actor Juan Echanove entre outros.

Os vehículos sairán da Coruña este venres para iniciar un percorrido que achegará aos participantes para percorrer 31 dos concellos da provincia coruñesa, récord da proba organizada pola Escudería La Coruña. Participarán un total de 50 equipos, formados por un piloto e un copiloto.

A xornada do sábado iniciarase ás 9.00 da mañá e culminará ás 23.30 horas coa publicación das clasificacións de regularidade para, finalmente, o domingo 22, publicarse as clasificacións finais da proba e desenvolverse a cerimonia de entrega de trofeos ás 13.30 horas.