Nereida Canosa presentou as actividades que terán lugar con motivo do evento, coa carreira o domingo a partir das 10.00 horas
Dende esta tarde ás 16.00 horas abrirase en Palexco a ‘Feira da corredora’, con postos solidarios e deportivos vinculados á carreira da muller
Este domingo 22 de setembro celebraráse unha nova edición da Carreira da Muller na Coruña con récord de inscripción de participantes. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, presentou esta mañá as actividades que se levarán a cabo no evento xunto con Montse Vázquez, presidenta Bolboretas Coruña; Vanessa Rama, de Oysho Running Club; Henar Calleja, voceira da Carreira da Muller; e Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.
A carreira terá un percorrido de 6,5 quilómetros con saída e meta na avenida de Buenos Aires, fronte ao complexo deportivo de Riazor. Na saída homenaxearase a Sofía Toro, ouro olímpico e campioa do mundo de vela. Así mesmo, na presentación da carreira, fíxoselle entrega a Amparo Alonso Betanzos dunha boneca científica, no marco do proxecto #MásQueunaMuñeca da Carreira da Muller, Wanawake e Proxecto Esperanza. “‘Elas andiveron para que nós poidamos correr’ é un lema utilizado en múltiples campañas para falar das mulleres referentes e reivindicalas e ese lema colle con esta carreira máis forza que nunca, xa que esa marea rosa inundará as rúas da Coruña para reivindicalas” explicou. Canosa lembrou o compromiso do Goberno de Inés Rey coa igualdade e a promoción do deporte dende unha perspectiva social.
Nesta nova edición, undécima na Coruña e no marco do 20 aniversario do circuíto, a carreira conta xa con case 7.000 persoas inscritas, 1.000 máis que o ano pasado. “Agradecezo a aos milleiros de coruñesas que este domingo amosarán o compromiso da Coruña coa igualdade, correndo por elas, polas loitadoras e tamén polas que xa non están a pesares de seguir loitando”, sinalou Canosa. O obxectivo nesta edición 2024 da Carreira da Muller será superar en toda España o millón e medio de mulleres participantes dos últimos 20 anos, reunindo un total de 100.000 mozas nas liñas de saída das 9 probas que compoñen o circuíto nacional.
Así mesmo, a proba ten un compoñente solidario polo que ao finalizar o circuíto realizarase unha achega á Asociación Española Contra o Cancro de 80.000 euros e nesta edición, con motivo do 20 aniversario, tamén se realizarán doazóns de 1.000 € a Wanawake Muller, Fundación GEICAM, Asociación Clara Campoamor e a Asociación de Creadoras. En total, a cifra doada nestes 19 anos anteriores ascendeu 1.779.277€, que se destinaron no seu maior parte á Asociación Española Contra o Cancro e a todo tipo de proxectos solidarios e científicos, fundacións e ONG’s. “Este ano a esa colaboración tamén se suman Bolboretas Coruña e ACADAR, que reivindican os dereitos das mulleres con discapacidade”, explicou Nereida Canosa..
Ao acto tamén acudiron Marta López, da Xunta Directiva de ACADAR, Asociación de Mujeres con Discapacidade de Galicia; Mikel Lois, da Asociación Española Contra o Cancro A Coruña; Seila Canosa, xestora de vendas de Galicia de TotalEnergies Electricidade e Gas; Dolores Estrada, directora Fundación San Rafael; Laura Sousa, directora da Piadina; Lucía Santos, coordinadora de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis; e Claudio Orjales, director de Termaria Casa da auga.
Actividades paralelas
Logo da carreira, realizarase na zona de meta un festival de fitness e aeróbic, Ballet Fit e Zoa a partir das 11.00 horas. Ademais, Rocío DJ estará animando a zona de meta para que sexa unha gran festa deportiva.
Así mesmo, dende hoxe ás 16.00 abrirase a feira da corredora en Palexco. Estará hoxe e mañán, de 16.00 a 20.00 horas con diferentes postos solidarios e deportivos nos que participarán os patrocinadores da carreira.
Mañá, sábado 20, está prevista unha sesión de adestramento a partir das 10.00 horas da man de Oysho Running Club que sairá dende o Palacio de Deportes Riazor. Posteriormente, realizarán unha charla motivacional con Amagoia Eizaguirre baixo o título “A meta está en ti”. O que o running me ensinou sobre a vida” a partir das 12.00 horas no Kiosko Alfonso, con aforo para 80 persoas e inscricións xa abertas en liña.
Carreira da Muller Virtual
Tamén será posible inscribirse gratuitamente ás carreiras “virtuais” das nove cidades sedes do circuíto nacional, o que permitirá ás corredoras que o desexen sumar os 6,5 quilómetros de maneira individual en calquera lugar do mundo. A inscrición á proba virtual tamén incluirá a opción de poder recibir a camiseta Oysho oficial da Carreira da Muller 2024.