A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación interveu na apertura deste encontro que reúne a persoas expertas de todo o país
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, participou esta tarde na apertura das XXII Xornadas Internacionais sobre Asociacionismo nos Programas Universitarios de Maiores, que se realizarán entre hoxe e o sábado 21 no Paraninfo da UDC. O encontro, que leva por título ‘Formación continua, socialización e benestar. O espírito que nos une’, está organizado pola Confederación Estatal de Asociacións e Federacións de Alumnos e Exalumnos dos Programas Universitarios de Maiores (Caumas), a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (Fegaus) e a Asociación de Alumnos e Exalumnos da Universidade Sénior da Coruña (Adayeus).
“Esta será unha magnífica oportunidade para explorar, aprender e compartir experiencias sobre temas vitais para o desenvolvemento das nosas persoas maiores”, indicou Nereida Canosa durante a súa intervención. A concelleira destacou o traballo levado a cabo polo Goberno de Inés Rey na cidade a través de programas como Coruña Acompaña, con actividades e programas específicos para persoas de idade avanzada.
“Dende o Concello seguiremos apoiando iniciativas neste senso. Traballando polos nosos maiores, poñendo en valor a nosa identidade e avanzando cara a unha cidade máis inclusiva e de coñecemento”, sinalou Canosa. No acto tamén participaron a deputada provincial e concelleira Yoya Neira, a presidenta de Adayeus, María Luisa Mauriz, a presidenta de Caumas, Marina Troncoso, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, a doutora da UDC Matilde García Sánchez e o decano da UDC, Ricardo Cao.