Mañá terá lugar unha sesión de formación en cooperativas e o domingo a sexta edición da Feira Labrega
Técnicos municipais de Santa Comba e A Bola, xunto a un grupo de veciños e veciñas de toda a comarca, participaron esta mañá na primeira xornada do festival Coworking Fest, celebrada no espazo colaborativo “Transformando en Brión”, pertencente á Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña. O alcalde, Pablo Lago, recibiu ás persoas visitantes e explicoulles a importancia destas instalacións á hora de “xuntar a un grupo cada vez máis numeroso de pequenos e pequenas produtores de froita e horta que atopan aquí a mellor opción para poder transformar e comercializar os seus produtos”.
Estes municipios únense así a outros como Trabada ou Ribeira do Piquín que tamén amosaron o seu interese por coñecer, e mesmo tentar replicar, o modelo do coworking brionés. Un centro que conta na actualidade con 198 persoas usuarias e que está xestionado pola asociación Daquídarredor, na que están asociadas 48 persoas.
Durante esta mañá, un grupo de persoas interesadas en sumarse á iniciativa fixeron unha visita guiada ás instalacións emprazadas no terceiro andar do centro comercial Montebalado. Aló puideron degustar un almorzo composto por produtos elaborados por usuarios do coworking: zume de mazá de Lucía Pazos (Ourense), galletas sen glute de chocolate e menta, pan de avea de lentellas e bombóns de avelá e chocolate, elaborados por Cristina Martínez (Brión).
A xornada completouse cunha charla sobre “Artesanía alimentaria” da man de Xoán Miguel Concheiro Abal, responsable de área do AGACAL, quen lles explicou a normativa aplicable nestes momentos. Mañá xoves 19 de setembro, entre as 10:00 e as 13:00 horas, terá lugar unha sesión formativa en cooperativas dirixida a persoas usuarias ou potenciais usuarias do coworking “Transformando en Brión”.
Feira labrega
Finalmente, o domingo 22 de setembro, de 11:00 a 20:00 horas, terá lugar a sexta edición da Feira Labrega, inicialmente prevista no Adro da Igrexa dos Ánxeles pero que podería trasladarse ao centro comercial Montebalado en vista das malas previsións meteorolóxicas. Neste sentido, mañá xoves tomarase unha decisión definitiva en función da evolución das previsións, que a día de hoxe dan un 75% posibilidades de chuvia.
O que si está definido xa é a programación do evento, que abrirá as súas portas cunha exposición de apeiros agrícolas e de horta, dunha colección de bonsais de José Freire e dos traballos realizados polo Grupo de Acción Patrimonial de Brión. A maiores, haberá máis de vinte postos de venda e exposición de produtos da hora e froitas de tempada, conservas, queixos, repostería artesanal e alimentos caseiros, así como produtos de artesanía.
Paralelamente ás exposicións celebranse xogos tradicionais para a rapazada (a rá, a tartaruga, o trompo…) e varias degustacións. Así, durante toda a xornada haberá un posto de elaboración e venda de filloas á pedra. Ás 12:00 horas terá lugar un showcooking a cargo de José Manuel Mallón con degustación de petiscos da IXP Tenreira Galega e produtos das hortas locais da asociación Daquidarredor. E ás 18:00 horas, segundo showcooking da man de Manu Rey con degustación de petiscos das hortas locais. Ambas as dúas degustacións contan coa colaboración do GDR Terras de Compostela.
A Feira Labrega complementarase coa actuación do grupo de baile tradicional das escolas municipais de Brión (13:00 horas) e o espectáculo “Supercoroza. Na eira e na lareira” (17:00 horas).