Esta mañá quedou aberta, no claustro de Fonseca, a exposición de bicicletas antigas organizada pola Concellaría de Mobilidade, en colaboración coa Universidade de Santiago, no marco da Semana Europea de Mobilidade. A mostra reúne unha vintena de bicicletas propiedade do coleccionista pontevedrés Eusebio Rivero, que mostran que este foi un modo de transporte habitual en Galicia ao longo da historia. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, o reitor da USC, Antonio López, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e a vicerreitora de Cultura, Carmen Pumar, visitaron a exposición “para reivindicar unha mobilidade máis sostible para unha cidade máis amable”.
Na exposición, que se poderá visitar ata o venres, pódense ver bicicletas usadas por crianzas, gardas civís, ou seminaristas, algúns modles deseñados expresamente para seren utilizados por mulleres, ou unha bicicleta Honor, a marca do compostelán Honorino Méndez que, tal e como explicou Eusebio Rivero, “foi un pioneiro na defensa do ciclismo e foi o primeiro en fomentar que no Nadal se regalaran bicicletas”. Tamén fan parte da exposición dúas bicicletas que utilizaba o investigador Antonio Odriozola, da Misión Biolóxica de Pontevedra e un dos principais divulgadores da camelia en Galicia. Outro dos vehículos que chama a atención é un velocípedo, que a día de hoxe Eusebio Rivero segue utilizando para moverse pola súa cidade, Pontevedra.
“Volver á tradición da bici para ter unha cidade máis accesible”
Durante á visita á exposición, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, incidiu en que para o Goberno “é unha prioridade termos unha cidade máis amigable e accesible, e nese camiño estamos traballando para ir reducindo o uso do vehículo particular e priorizando os desprazamentos a pé, en bicicleta e en transporte público, partillando os espazos públicos para que sexan máis cómodos para todos e todas”.
Nesa liña, o concelleiro de Mobilidade explicou que “esta exposición móstranos que cando falamos de promover programas de préstamos de bicicleta ou de habilitar carrís bici, non estamos falando de grandes revolucións, porque a bicicleta fixo parte da nosa historia desde sempre, é só unha tradición que temos que recuperar”. Para Xan Duro, “a bicicleta é o vehículo idóneo para desprazarse rápida e comodamente polas cidades, sen contaminar e xerando espazos máis amables”.
Pola súa banda, a vicerreitora de Cultura, Carmen Pumar, reiterou o compromiso da Universidade de Santiago cunha mobilidade máis sostible, “unha necesidade coa que está plenamente concienciada a comunidade universitaria, tal e como demostra o éxito do programa de préstamo de bicicletas que temos que seguir reforzando”.