Monday 25 de November de 2024

Inés Rey felicita a Jacobo Copa polo seu título de campión do mundo de hockey a patíns sub-19


A alcaldesa recibiu ao deportista, que “garante un brillante futuro para o Liceo e o deporte coruñés”

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu en María Pita a Jacobo Copa, recente campión do mundo de hockey a patíns sub-19. O deportista coruñés vén de acadar este título a pasada fin de semana na final entre España e Portugal, na que anotou un decisivo tanto a seis minutos para o final.

“Jacobo Copa garante un futuro brillante para o Liceo e para o deporte coruñés, que conta con importantes figuras chamadas a ser importantes no futuro”, sinalou a alcaldesa. Rey celebrou tamén a aposta do Liceo polo coruñés, que formará parte do primeiro equipo esta tempada, xunto con outros deportistas da cidade como Dava Torres ou César Carballeira. “Estou segura de que o equipo fará unha gran tempada, á altura dun dos clubs históricos deste deporte”, indicou a rexedora.

Inés Rey, que estivo acompañada do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou tamén o apoio que o Concello lle dá ao Liceo como parte da aposta municipal polo fomento do deporte e o hockey en particular. “Este ano A Coruña será sede da Supercopa de España, que reunirá aos mellores equipos da competición nunha nova mostra de que somos unha cidade con moita tradición e apoio ao hockey”, sinalou. A rexedora animou á cidadanía a asistir á Supercopa, na que o Liceo enfrontarase ao Barcelona o vindeiro 5 de outubro.