● Celebrarase un pleno extraordinario este xoves 19 de setembro para tramitar a solicitude.
● Manuel Vázquez Faraldo, alcalde de Miño: “A solicitude deste préstamo é unha medida necesaria para protexer os recursos municipais e asegurar que sigamos cumprindo coas nosas obrigacións, tanto cos expropiados como cos veciños e veciñas de Miño”.
O Concello de Miño celebrará este xoves, 19 de setembro, un pleno extraordinario e urxente previo ao ordinario (que terá lugar inmediatamente despois) para tramitar a solicitude dun préstamo dun millón de euros ao Ministerio de Facenda.
Esta decisión a toma o goberno local tras recibir as sentenzas do Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña na que se obriga ao Concello a pagar o prezo xusto expropietario (que ascende a 552.895,08 euros de principal e uns 430.000,00 euros en materia de intereses) a diversos expropiados afectados polo proceso de expropiación forzosa do sector urbanizable residencial-deportivo Costa Miño, tramitado no seu momento polo Concello en beneficio da entidade Fadesa Inmobiliaria.
En resumo, o escándalo urbanístico de Costa Miño volve lastrar, unha vez máis, á tesourería municipal; devolvéndoa a un estado delicado do que, aos poucos, o goberno local miñense está a conseguir sacar ao Concello grazas á súa sensata xestión dos fondos públicos.
O rexedor miñense, Manuel Vázquez Faraldo, agradece ao Ministerio de Facenda “que de saída a esta situación tan grave ofrecendo a alternativa de financiamento con este tipo de préstamos, non tendo que acudir a unha entidade financeira na que as condicións serían menos vantaxosas”.
O alcalde lamenta que “unha vez máis, o Concello vese arrastrado polas consecuencias de decisións urbanísticas tomadas no pasado, neste caso vinculadas ao escándalo da xénese de Costa Miño. Enfrontámonos a unhas sentenzas firmes que nos obrigan a facer fronte a un pago considerable, tanto en concepto de principal como de intereses, o cal pon en risco a estabilidade económica que tanto nos custou recuperar”.
Faraldo explica que “non é unha situación que busquemos nin xeremos, pero é a nosa responsabilidade atopar solucións. A solicitude dun préstamo dun millón de euros ao Ministerio de Facenda é unha medida necesaria para protexer os recursos municipais e asegurar que sigamos cumprindo coas nosas obrigacións, tanto cos expropiados como cos veciños e veciñas de Miño. Sabemos que isto supón unha carga adicional, pero non podemos permitir que o Concello retroceda en todo o avanzado”.
Ademais deste grupo de sentenzas, seguen pendentes de ditar as correspondentes a outra quincena de leiras, que supoñerán un importe total similar.
Por último, o rexedor lamenta profundamente “que, unha vez máis, teñamos que destinar recursos municipais a reparar decisións do pasado, pero é a nosa prioridade garantir que este revés non deteriore os servizos públicos nin os investimentos que xa están en marcha para o beneficio de todos os veciños de Miño”.