Saturday 16 de November de 2024

Unhas filloas volven darlle por segundo ano seguido a José Ramón Pulleiro o trunfo no concurso de receitas “En galego sabe mellor”


A torta de filloas con recheo para larpeiros deulle o segundo premio a Zaira Pulleiro, que tamén repete posto con respecto a 2015

O Concurso de Receitas de Entroido “En galego sabe mellor” comeza a asemellarse cada ano máis ao “Día da marmota”. Se nas tres primeiras edicións a competición parecía tan só cousa de dúas veciñas, Loly Bello e Mercedes Fernández, que se intercambiaban ano tras ano os postos de gañadora e finalista; dende 2014 acontece algo semellante con José Ramón Pulleiro Liste e Zaira Pulleiro Sánchez. Pai e filla levan tres anos repartíndose os dous primeiros premios do certame. E iso que este ano a participación medrou ata os trece concursantes.

Finalmente, José Ramón Pulleiro revallidou o seu trunfo na sétima edición deste certame cunhas “Filloas caramelizadas con queixo e marmelo”. Un premio que lle foi entregado pola concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, durante o Concurso de Disfraces do Concello de Oroso e que consiste nunha cea para dúas persoas no restaurante Cortés (Sigüeiro). E é que está visto que a este veciño orosán o de facer filloas dáselle de medo, pois leva tres anos seguidos sendo premiado. En 2014 conseguiu o segundo posto coas súas “Filloas recheas de rissotto de grelos e panceta”, sendo o primeiro home premiado nos cinco anos que levaba en marcha o concurso. En 2015 deu un paso adiante, gañando o concurso cunhas “Filloas de leite recheas de fresas con nata”.

O segundo premio foi, un ano máis, para Zaira Pulleiro Sánchez, gañadora da edición de 2014, coa súa “Torta de filloas con recheo para larpeiros”. A concelleira de Turismo, Vanesa Boo, fíxolle entrega do seu premio: un libro de cociña e diploma conmemorativo. Así mesmo, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, fixo entrega dun premio especial consistente nun lote de libros infantís á Aula de Maiores da gardería Trastes (Sigüeiro), pola súa receita “Rosquillas do Entroido para os máis pequenos”. Un premio que foi recollido pola propia Zaira Pulleiro, mestra dos rapaces. As receitas serán publicadas na páxina web municipal (www.concellooroso.com).