Friday 22 de November de 2024

Román Rodríguez garante o compromiso da Xunta de Galicia para apoiar o talento científico


O conselleiro Ciencia clausura a xornada ‘Encontro polo talento’ organizada por Celera

O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na clausura da xornada Encontro polo talento, organizada por Celera. Unha cita que reúne a entidades e particulares ligados coa investigación, o talento e o emprendemento de todo o país, algo que destacou o representante da Xunta pola importancia “de traballar todos en conxunto, tanto a Administración como o sector privado, para reforzar o talento”.
Román Rodríguez afirmou que o coñecemento e o talento “son a nova riqueza das nacións”. Por iso, a Xunta de Galicia traballa para promovelos en todo o ecosistema de I+D+i galego con diversas iniciativas como o programa Oportunius, que xerou xa máis de 100 postos de traballo e un retorno de 88 M€, ou Ignicia, co que se fomenta a transferencia de resultados de investigación ao mercado, apoiando o talento emprendedor.
Con estas medidas “queremos, non só contar con investigadores excelentes, senón tamén que formen, manteñan e enriquezan os seus equipos en Galicia para facer desta terra un referente de talento”, destacou o titular de Ciencia no Encontro polo talento.
Dous galegos entre os 10 mozos españois con máis talento
A cita busca inspirar, achegar coñecemento e crear lazos de unión entre entidades. Faino a través de historias como as dos galegos Manuel Rico, estudante de Medicina, e Ana Simoneta, graduada en Dereito, ambos seleccionados entre os 10 mozos españois con máis talento ao abeiro do programa científico de Celera. Este programa naceu fai unha década co obxectivo de identificar a mozos con talento de España para dotalos das ferramentas axeitadas coas que potenciar as súas capacidades persoais e profesionais.