Friday 22 de November de 2024

Os consellos parroquiais volverán en outubro para seguir fomentando a participación veciñal na xestión municipal


Os consellos parroquiais retomarán a súa actividade no mes de outubro. Dende o Concello de Carballo queremos seguir fomentando a participación veciñal na xestión municipal, e os consellos parroquiais constitúen dende o ano 2017 unha canle fundamental.

Nestes momentos están constituídos 16 consellos parroquiais, nos que participan de xeito directo máis de 300 veciños e veciñas, e moitos máis de xeito indirecto, xa que antes da reunión cos representantes municipais é habitual que a veciñanza celebre xuntanzas abertas para recoller as propostas que despois serán trasladadas aos representantes municipais.

Nos consellos parroquiais participan o alcalde, Evencio Ferrero, e representantes de todos os grupos políticos municipais. Por parte da veciñanza hai participación do movemento asociativo, aínda que as portas están abertas a aquelas persoas que queiran sumarse a título individual. O obxectivo destes órganos de participación veciñal é recoller as propostas da cidadanía para telas en conta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos.

Neste curso as sesións celebraranse en xoves alternos ás 20.00 horas. O calendario provisional é o seguinte:
• 10 de outubro, Aldemunde
• 24 de outubro, Ardaña
• 7 de novembro, Artes
• 21 de novembro, Bértoa
• 13 de decembro, Cances
• 9 de xaneiro, Entrecruces
• 23 de xaneiro, Goiáns
• 6 de febreiro, Lema
• 20 de febreiro, Noicela-Rebordelos
• 6 de marzo, Oza
• 20 de marzo, Razo
• 3 de abril, Rus
• 24 de abril, Sísamo
• 8 de maio, Sofán
• 22 de maio, Verdillo
• 5 de xuño, Vilela