Friday 22 de November de 2024

O mercado ecolóxico municipal volve mañá ao Campo da Leña, con obradoiros infantís, sorteos de produtos de proximidade e espectáculos gastronómicos


O Concello impulsa unha ampla programación de actividades para todos os públicos, de 10.00 a 15.00 horas

O Concello promove esta fin de semana unha nova edición do mercado ecolóxico municipal, que tras a experiencia do pasado domingo na praza de Pablo Iglesias, no Castrillón, volve mañá ao Campo da Leña, cunha ampla programación de actividades para todos os públicos, entre as 10.00 e as 15.00 horas.
A xornada arrancará coa apertura dun espazo de dinamización infantil que estará habilitado para o uso e gozo dos máis pequenos ata a conclusión do mercado. Ademais, a primeira hora abrirase a participación no sorteo dunha cesta de verdura da man da Horta de Soandres. As persoas interesadas en optar ao premio deberán realizar unha compra mínima de 10 euros nos postos do mercado, e cubrir unha papeleta que será entregada pola vendedora ou vendedor no espazo onde se levará a cabo o sorteo, xa ás 13.00 horas.

Entre tanto, de 11.30 a 12.30 horas, as crianzas poderán participar nun obradoiro creativo no que aprenderán a fabricar peixiños de xoguete con materiais reciclados. A asistencia será de balde, con inscrición previa no mercado e ata cubrir o máximo de capacidade previsto na sesión, cunha cota de 15 prazas. O obradoiro terá unha duración dunha hora.

Ademais, e para rematar a xornada, as persoas que se acheguen ao mercado ecolóxico municipal terán a posibilidade de asistir a un espectáculo de showcooking da man da Asociación Raíña, no que se ensinarán as pautas básicas para crear patés vexetais. Ao igual que no caso do obradoiro infantil, a asistencia será gratuíta, mais haberá un límite de 10 prazas na sesión, polo que será preciso inscribirse previamente. Terá lugar de 12.30 a 13.30 horas.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey avanza no seu plan de continuidade e expansión dos mercados ecolóxicos e sostibles aos diversos barrios da Coruña. Ao Campo da Leña, enclave onde a celebración desta iniciativa xa é habitual, fóronse sumando nos últimos meses puntos como o Paseo das Pontes e a praza de Azcárraga, entre outros.