Friday 22 de November de 2024

A Coruña acollerá en novembro o encontro internacional ‘As elixidas’, que reunirá a alcaldesas e concelleiras galegas, así como de países africanos como Cabo Verde


O encontro forma parte do programa de actividades nas que colaboran o Concello e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que rubricaron esta semana un convenio de cooperación

O Concello e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade colaborarán na posta en marcha de actividades orientadas á sensibilización nas desigualdades a nivel global, unha iniciativa á que o Goberno de Inés Rey destinará 20.000 euros, que serán outorgados á entidade.

A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da asociación, Juan Antonio González Pérez, asinaron esta semana o convenio, que contribuirá ao financiamiento das actividades impulsadas polo Fondo Galego, entre as que se atopan o intercambio de ideas e experiencias entre Galicia e os países do Sur Global onde cooperamos co obxectivo de mellorar a gobernanza local.
Neste sentido, e en base ao convenio subscrito entre ambas as partes, A Coruña acollerá durante dous días do mes de novembro o encontro internacional de mulleres electas ‘As elixidas’, que reunirá tanto a concelleiras e alcaldesas galegas como de países de lingua oficial portuguesa (Cabo Verde, Mozambique, etc.).
No encontro abordaranse cuestións como a importancia da representación das mulleres na política local, o rol das redes de mulleres electas no ámbito local, os principais atrancos que dificultan a participación política das mulleres na esfera local e tamén se visibilizarán políticas públicas locais impulsadas polas mulleres.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por administracións locais de Galicia, unidas pola vontade común de contribuír á erradicación das desigualdades norte-sur, a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento con países empobrecidos e a sensibilización social en Galicia.