A conselleira de Medio Ambiente recorda que grazas á simplificación e redución de trámites a elaboración de plans de ordenación é unha oportunidade de crecemento
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladou a súa satisfacción porque Galicia conte desde hoxe cunha nova Lei do Solo que permitirá dotar a todos os concellos de planeamento, un obxectivo prioritario posto que o 73% dos concellos galegos non teñen o seu planeamento adaptado ou carecen del.
A conselleira de Medio Ambiente asistiu esta mañá ao pleno do Parlamento, onde se debateu e aprobou a nova lei do solo, un texto máis sinxelo e simplificado, que prevé a redución de trámites, o que representa unha oportunidade de crecemento.
Reiterou que se trata dun dos proxectos lexislativos máis importantes da actual lexislatura e que nace con vocación de futuro e de permanencia; e que pon o interese xeral que supón a paisaxe por riba de calquera interese privado ou particular. A Xunta defende que coñecer e preservar a paisaxe galega debe ser obxectivo de todos, polo que insiste na idea de corresponsabilidade en materia de ordenación do territorio e protección da paisaxe. Apuntou que alcanzar un alto grado de sensibilización e concienciación social nesta materia será o primeiro paso para cumprir os obxectivos.
A modo de exemplo, a lei establece o marco necesario para que as construcións se adapten ao contorno, grazas ao fomento da recuperación do xa construído fronte a novas estruturas e reforza a obriga de rematar exteriormente as construcións, poñendo fin ao deterioro das paisaxe galega.
Beatriz Mato aclarou que a nova Lei entrará en vigor un mes despois da súa publicación do Diario Oficial de Galicia, polo que se prevé que estee vixente a mediados de marzo. O desexo do Goberno galego é contar cunha Galicia ordenada, sostible, capaz de crecer e de ser competitiva, ao tempo que respecta o seu patrimonio, os seus valores naturais e a súa paisaxe.
A titular de Medio Ambiente destacou o traballo realizado polo Goberno galego nos últimos anos a prol da mellora e actualización da ordenación do territorio galego, grazas á aprobación en 2011 das Directrices de Ordenación do Litoral e do Plan de Ordenación do Litoral.