Friday 22 de November de 2024

Aumenta un 13 % respecto ao pasado verán o número de peregrinos que se hospedaron no albergue de Neda


O mes de xullo foi o que rexistrou unha maior ocupación na instalación xestionada polo Concello

O albergue de Neda acolleu durante a tempada alta – entre xuño e setembro- a máis de 1.600 peregrinos e peregrinas do Camiño Inglés a Santiago. A instalación turística, que xestiona o Concello, mellorou os rexistros do pasado ano, cunha porcentaxe de suba que mesmo supera á experimentada pola ruta.
Cada vez son máis os romeiros que optan pola ruta de peregrinación que sae do Porto de Curuxeiras ou de Neda, e tamén os que elixen o albergue do Paseo Marítimo de Xuvia como punto final da primeira etapa do itinerario.

Segundo as estatísticas da Oficina do Peregrino, nos meses de xuño, xullo e agosto do 2024 saíron de Ferrol e Neda con destino a Compsotela 12.202 romeiros fronte aos 11.040 contabilizados no mesmo período do pasado ano. E estes datos teñen o seu traslado á rede pública de albergues.

Así, elixiron para descansar e facer noite as instalacións turísticas de Xuvia un total de 1.632 peregrinos fronte aos 1.444 do pasado exercicio que, cómpre lembrar, se pechaba con cifra récord de hóspedes. Isto supón un incremento do 13 %, superior incluso ao que medrou a cantidade de peregrinos (10,5%).
Tal e como apuntan os datos oficiais, destaca o mes de xullo, con 665 peregrinos, seguido do de agosto e, finalmente xuño, con 565 e 404, respectivamente. Polo de agora, no que levamos de setembro van contabilizadas 213 pernoctas.

O albergue abre todos os días do ano, completándose as 26 prazas dispoñibles (24 en liteira e 2 camas para persoas con mobilidade reducida) por orde de chegada.