O venres haberá un obradoiro infantil de redeiras e o sábado, camiñada polo Sendeiro Azul e taller para coñecer as especies costeiras.
Continuando co desenvolvemento O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro que promoven o Concello e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte, a próxima semana vanse realizar outras tres actividades medioambientais nas que se anima a participar a todos os públicos, en especial ao infantil e familiar.
O venres (20 de setembro) a partir das 17:00 h no Centro Sociocomunitario de Caión teremos unha novidosa iniciativa consistente nun obradoiro de redeiras que vai dirixido a nenos de entre 8 e 12 anos de idade. O taller será impartido pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao e terá unha hora e media de duración. Cunha metodoloxía dinámica e participativa, e empregando un vocabulario sinxelo axeitado ás idades dos participantes, explicarase que é unha redeira, en que consiste a profesión, que aparellos empregan no traballo cotiá e, finalmente, os asistentes aprenderán a armar unha arte de pesca. Trátase de destacar a importancia destas profesionais para o sector percorrendo a súa evolución na historia pesqueira de Caión.
O sábado (21 de setembro) hai unha dobre cita. A partir das 11:00 h ofrécese a camiñada polo Sendeiro Azul “O mar forma parte inseparable da vida e da historia de Caión”. Será unha andaina guiada co obxectivo de achegar ás persoas ao entorno marítimo e costeiro larachés. Durante o percorrido irase descubrindo o patrimonio de Caión e o valor ambiental do territorio e do mar da Costa da Morte. A proposta combinará a actividade física e o desfrute do entorno, coa interpretación do patrimonio como ferramenta de comunicación efectiva que aumente o impacto na comprensión dos contidos e fomente o sentimento de respecto ao medio ambiente.
Pola tarde, a partir das 18:00 h, será a quenda para o obradoiro sobre as especies costeiras “A arribazón, os tesouros do Mar de Caión” que se vai realizar xunto á Confraría de Pescadores. O obxectivo é transmitir o coñecemento sobre os distintos seres vivos que se poden atopar nos areais ou rochedos da costa caionesa, os seus usos, pasados e presentes, e os seus beneficios. Neste caso están xa todas as prazas cubertas, así que as persoas que se inscriban pasarán a formar parte da lista de reserva.
Anotarse nestas actividades é de balde. Debe facerse contactando coa Oficina de Información Turística da Laracha enviando un correo electrónico a turismo@alaracha.gal ou chamando ao 981604328.
Cabe lembrar que dentro deste mesmo programa o Centro Sociocomunitario de Caión acolle ata o 18 de setembro unha exposición do CEIDA sobre os morcegos de Galicia e que a finais de agosto xa se realizara unha ruta nocturna precisamente para coñecer esa especie.
O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro está impulsado polo Concello e cofinánciase a través da liña de axudas da Consellería do Mar para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo, aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) cofinanciado pola Unión Europea no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.