Friday 22 de November de 2024

Este outono volve o programa Familias Inquedas a Oleiros


O Concello de Oleiros organiza para o outono 2024 un ciclo de seminarios, enmarcados no Programa de Familias Inquedas, coa fin de ofrecer ás familias de Oleiros novas ferramentas, habilidades e capacidades para, dende un enfoque preventivo e dirixido a toda a comunidade, mellorar a convivencia nas familias e proporcionarlles recursos nos que apoiarse no momento da crianza das súas fillas e fillos.

Os seminarios están orientados ao apoio emocional nas distintas etapas dos 0 aos 18 anos, aínda que tamén hai contidos orientados á mellora da comunicación, ao fomento da autoestima e ao desenvolvemento das súas capacidades.

O formato destes seminarios está dividido en varias sesións para que as persoas participantes, pouco a pouco, vaian interiorizando estes novos enfoques e habilidades na crianza: a empatía, a igualdade, a confianza…

Para poder levalo a cabo contarase con profesionais que garanten non só experiencia e coñecemento na materia, senón tamén gran capacidade de comunicación e conexión emocional coas familias para garantir o necesario e desexado impacto transformador nas vidas desas persoas.

Son un total de 4 seminarios totalmente gratuítos: 2 orientados de forma xeneral ao benestar emocional na infancia e na adolescencia, na liña dos que se viñan desenvolvendo en anos anteriores; e outros 2 con contidos mais específicos como apoiar o empoderamento na etapa escolar e o apoio ás familias cun diagnóstico TEA.

Os seminarios teñen formatos e intensidades distintas e desenvolveranse nas dependencias de Servizos Sociais en Villa Echeverry en Perillo.

As inscricións realizaranse a través da web municipal no apartado PARTICIPA a partir do martes 17 de setembro ata o domingo 22.

Programa: CICLO SEMINARIOS “OUTONO 2024” DE FAMILIAS INQUEDAS

“A EDUCACIÓN EMOCIONAL E A COMUNICACIÓN NO VIOLENTA”
Duración: 20 horas
Contido: a explosión emocional que se produce na adolescencia, unha etapa vital no crecemento das persoas, na que se configura a personalidade e a identidade, precisa dun acompañamento por parte das familias no que incorporen esta parte emocional e unha forma axeitada de comunicarse co fin de evitar graves conflitos e a ruptura dos vínculos afectivos.
Dirixido a: familias veciñas de Oleiros con fillas e fillos de 11 a 17 anos de idade
Impartido por: Sara Vierna Fernández. Educadora social. Máster en Xénero e Políticas de Igualdade pola Universidade de Valencia. Posgrado en Coaching Educativo e Coaching Emocional pola Univerisdade da Coruña. Certificada en Coaching Sistémico. Formación en comunicación no violenta, terapia somática e trauma, midfulness e neurobioloxía interpersoal. Ampla experiencia en facilitación e traballo con grupos de adolescentes, mulleres e alumnado universitario.

“A CRIANZA BASEADA NA CONFIANZA, NA SEGURIDADE E NA AUTONOMÍA”
Duración: 16 horas
Contido: coñecer e profundizar nunha crianza alternativa ao método baseado no condicionamento (castigos e premios) A través dunha metodoloxía baseada na Disciplina Positiva vai apoiar ás familias para que axuden ás súas fillas e fillos a aprender habilidades sociais baeadas no respecto, na motivación e na búsqueda de solucións, dede a educación emocional e o establecemento de límites, que lles permita medrar con autoestima, seguridade e autonomía.
Dirixido a: familias veciñas de Oleiros con fillas e fillos de 0 a 10 anos de idade
Impartido por: María Soto Alvarez de Sotomayor. Logopeda. Facilitadora certificada por la Positive Discipline Asociation e en Encouragement Consultant Training. Creadora de contidos en redes sociais e colaborada de diverasas plataformas educativas. Autora dos libros: “Educa Bonito” e “Confianza Cien. Expectativa Cero” Ampla experiencia en titorías e aseoramento personalizado a familias.

“O ACOMPAÑAMENTO EMOCIONAL DURANTE O CURSO ESCOLAR EN PRIMARIA”
Duración: 16 horas
Contido: apoiar ás familias nas pautas a seguir durante o curso escolar, na etapa de primaria, cos seus fillos e fillas co fIn de acompañalos para mellorar as súas capacidades dende un apoio emocional e empoderante, que fomente a autoestima e a seguridade.
Dirixido a: familias veciñas de Oleiros con fillas e fillos escolarizadas en educación primaria
Impartido por: Clara Rodríguez Sánchez. Profesora de Educación Infantil. Máster en innovación Educativa. Licenciatura en Musicoterapia. Orientadora educativa. Profesora de educación Infantil. Profesora Universitaria en Musicoterapia.
Ampla experiencia en titorías e aseoramento personalizado a familias e traballo en centroseducativos como orientadora.

“O ACOMPAÑAMENTO EMOCIONAL NAS FAMILIAS CUN DIAGNÓSTICO TEA”
Duración: 8 horas
Contido: apoiar e acompañar ás familias con fillas ou fillos menores de idade cun diagnóstico dentro do espectro autista na súa crianza, contribuíndo a establecer pautas co obxectivo de acadar o maior grado de inclusión social posible e de desenvolvemento e autonomía persoal, así como, de forma paralela, establecer as bases dun grupo de apoio mutuo.
Dirixido a: familias veciñas de Oleiros con fillas e fillos menores de idade con diagnóstico de TEA
Impartido por: Rocío Salgado. Psicóloga. Psicoterapeuta Familiar Sistémica. Especialista en acompañamento a familias dentro do espectro autista. Ampla experiencia en titorías e aseoramento personalizado a familias.