A proposta saiu adiante por unanimidade
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu a primeira hora desta mañá unha sesión de carácter extraordinario e urxente que levaba na orde do día dous únicos asuntos. O primeiro, a aprobación da propia urxencia do pleno, e o segunto, a participación de San Sadurniño no POS+ Adicional 02/2024. Se ben outros anos esta cuestión se resolveu cun decreto da alcaldía, desta vez a Deputación insistiu en que tanto o acceso aos fondos provinciais como o seu destino -unha parte para investimentos e outra para gasto corrente- contasen co visto e prace dun pleno que se resolveu en pouco máis dun cuarto de hora e por unanimidade.
O debate entre o Grupo de goberno e a oposición non estivo centrado no contido que se trataba, senón máis ben na crítica de que se convocase un pleno urxente dun día para outro e na queixa do PP de non ter recibido a documentación cos asuntos para tratar até o serán de onte. Aspectos ambos sobre os cales o executivo ofreceu explicacións, argumentando que a urxencia na convocatoria obedeceu ao cambio de criterio da Deputación sobre o procedemento para aprobar nos concellos os POS Adicionais, que agora deben ir a pleno. Tamén se xustificou que a tardanza no envío da documentación sobre os asuntos para tratar se debera a un erro administrativo. Neste punto interviu a secretaria municipal para pedir escusas pola incidencia, aínda que tamén puntualizou que a información estaba a disposición dos grupos desde pola mañá no apartado de órganos colexiados da Sede Electrónica.
Malia a controversia, BNG, PP e Grupo Mixto -integrado polo único edil do PSdeG-PSOE- votaron a favor da urxencia e tamén apoiaron a solicitude do POS+ Adicional 02/2024. Esta segunda fase dos plans adicionais outorgoulle a San Sadurniño 138.567,65 euros para investimentos financieiramente sostibles e outros 183.959,85€ que podían dedicarse a investimentos, a sufragar gasto corrente ou a ambas finalidades.
O Concello destinará todo o importe da primeira partida á reparación da pista O Castro-A Bañoca, coa que se concluirá o aglomerado do principal eixo de enlace entre Bardaos e Santa Mariña do Monte, e tamén ao ancheado e pavimentación da pista dos Corrás. Proxectos de obras que non foi necesario tratar no pleno desta mañá, posto que xa foron aprobados no pleno do POS+ xeral celebrado en xaneiro. Estas actuacións terán un custe conxunto de 156.727,97 euros.
O que si se tratou na sesión de hoxe foi a outra parte do segundo plan adicional, que daba a opción de dedicar os fondos a investimentos financeiramente sostibles e a gasto corrente. No caso de San Sadurniño o importe consignado ascendeu a 183.959,85 euros, que o Goberno local optou por fraccionar do seguinte xeito: 18.159 euros irán para as obras de Bardaos e de Corrás -completando así a contía necesaria para alcanzar o prezo en que están orzamentados os dous proxectos- e os 165.798,7 euros restantes destinaranse a gasto corrente, concretamente a compensar a suba do canon de SOGAMA decretada unilateralmente pola Xunta de Galicia, así como a consumos enerxéticos de luz e combustible.