Thursday 21 de November de 2024

O xardín veciñal da Ribeiriña prospera cunha segunda fase de intervención


O xardín veciñal na contorna do centro sociocultural da Ribeiriña medrará coa execución dunha segunda fase que se concentrará no sábado, 21 de setembro, a partir das 10.00 horas.

Trátase dunha actividade que organiza a Concellaría da Participación Veciñal da Pobra do Caramiñal, para a cal volve contar con Agrofloresta Viva, que estivo representada por Rubén Escuredo, Ana de Diego e Cristina Valenzuela.

A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, sinalou que se continúa así na senda da rexeneración paisaxística desta zona a través da permacultura: unha forma de deseño de espazos sostibles. “Non só aprenderemos máis sobre a cocreación de áreas axardinadas con técnicas respectuosas co medio ambiente, senón que tamén se xera unha dinámica de comunidade e levan alternativas de ocio ao rural”, precisou a edil, quen tamén animou a toda a veciñanza a sumarse a esta xornada.

Xa ao longo dos meses de abril e maio se estivo traballando na fase de implantación coa introdución á xardinaría rexenerativa; o deseño e creación do xardín veciñal; a selección de plantas adaptadas, perennes e multifuncionais; biopreparados e compostaxe para horta e xardín; círculo de saberes e tradicións; plantación e acolchado; deseño participativo de próximas actividades; e xantar compartido.