Arqueoloxía, historia, onomástica e literatura son as catro temáticas nas que afondará a sétima edición de A Pobra do Caramiñal no Tempo, as xornadas de divulgación histórica e patrimonial que transcorrerán no 28 e 29 de setembro.
No acto de presentación a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, declarou que “tódalas convocatorias espertaron moito interese ao permitirnos, como veciños e veciñas, aprender sobre o noso pasado e como foi evolucionando a localidade sempre seguindo unha metodoloxía teórico-práctica” e lembrou que esta actividade partiu no seu momento como iniciativa do rexedor, sendo bibliotecario municipal, xunto co xornalista Manuel Gago.
O alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, manifestou que esta programación “é unha proba máis do compromiso que temos dende o Concello da Pobra do Caramiñal co coidado, investigación e divulgación do noso patrimonio material e inmaterial. E, dalgunha maneira, activamos a máquina do tempo para viaxar a unha parte do noso pasado e adquirir enriquecedores coñecementos.” Tamén fixo fincapé nunha das particularidades desta convocatoria: “no mes de xullo emprendemos unha prospección arqueolóxica na Corte do Santo en coordinación coa Universidade de Santiago de Compostela. Nese momento saíu á luz parte dunha estrutura de grandes dimensións con muros graníticos de 90 centímetros de grosor e varios metros de longo, ademais de anacos de elementos como lousa. Agora é o momento de coñecer o resultado das probas realizadas para coñecer máis polo miúdo sobre este característico lugar e establecelo correctamente na liña cronolóxica, ademais de dilucidar ante que tipo de xacemento estamos.”
E sobre isto falará Mario Ramos, o arqueólogo que dirixiu esta intervención, no sábado 28, con As escavacións na Corte do Santo (Santo Isidro de Posmarcos). Con el iniciaranse os simposios concentrados nun único día, no teatro cine Elma, a partir das 16.30 horas, que se poderán seguir vía streaming a través da canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.
Seguiralle O naufraxio do Santa Isabel e A Pobra do Caramiñal impartido polo historiador e cronista oficial de Ribeira, Xosé María Fernández Pazos. Tras un pequeno descanso, retomarase con Ana Isabel Boullón Agrelo, lingüista e académica da Real Academia Galega (RAG), a cargo de Os apelidos da Pobra do Caramiñal, para finalizar con A Pobra do Caramiñal como escenario da literatura galega, da man de Pilar Sampedro, pedagoga.
Como xa é costume, farase entrega dun póster como agasallo ás persoas asistentes.
E, no domingo 29, será a quenda da saída pola contorna. O xornalista e escritor Manuel Gago guiará un percorrido ó redor da Portela, a partir das 10.30 horas.
As prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa no enderezo electrónico bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou do teléfono de contacto 981831633 ata o día 26 de setembro.