A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella mantivo hoxe unha reunión co Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella mantivo hoxe unha reunión co Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, onde fixeron balance da Rede Emprende posta en marcha no ano 2013,e que conta coa colaboración do CPEIG e da Amtega coa posta a disposición da súa rede de aulas CEMIT.
Esta iniciativa inscríbese no eixe 3 do VI Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres, da Secretaría Xeral de Igualdade, que busca “outorgar unha maior relevancia ás actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas, o que leva a fomentar o seu acceso ao mercado laboral, así coma o seu desenvolvemento profesional e a posta en valor da súa iniciativa emprendedora”.
A Secretaría Xeral da Igualdade no marco da Rede Emprende en Igualdade desenvolveu unha serie de actuacións de asesoramento, apoio e formación dirixidas ás mulleres potencialmente emprendedoras, en busca de emprego e con ansias de formarse, co obxectivo de axudalas na posta en marcha ou modernización das súas empresas e na procura de emprego para fomentar a súa adaptabilidade e competitividade no mercado actual.
Os cursos tiveron unha duración de 20 horas, cun máximo de 25 alumnas, e foron impartidos por profesionais do CPEIG. As alumnas recibiron información e asesoramento sobre a seguinte temática: iniciación á internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; novas tecnoloxías e busca de emprego; redes e transposición de experiencias; e perspectiva de xénero. E contaron ca participación de 380 mulleres.
Balance dos últimos anos
No ano 2013, foron 10 os concellos que participaron no programa, A Cañiza, Abegondo, Carballiño, Guitiriz, Leiro, Porto do Son, Quiroga, Tui, Valga e Xunqueira de Ambía, ca asistencia de 98 alumnas.No ano 2014, participaron os concellos de Ferrol, Padrón, Ribeira, Burela. Xermade, Celanova, Xinzo de Limia, A Estrada, Cuntis e Vilagarcía de Arousa, ca asistencia de 147 alumnas. E finalmente, o ano pasado, participaron os concellos de Dodro, Ordes, Ortigueira, Palas de Rei, Vilalba, Avión, Verín , A Guarda, Marín e Vila de Cruces, ca asistencia de 135 alumnas.