Friday 22 de November de 2024

Tres estudantes representan a Galicia en Lyon  na maior competición internacional de FP


— Trátase de Ezequiel Toro, do IES San Clemente de Santiago; María Bazar, do CIFP Paseo das Pontes da Coruña, e de Laura Pereira, do CIFP Manuel Antonio de Vigo

— A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, acompaña os alumnos que están a competir nas modalidades de Desenvolvemento web, Panadaría e Recepción hoteleira

Tres estudantes da FP galega participan estes días en Lyon (Francia) no campionato Worldskills 2024, as olimpíadas internacionais da Formación Profesional. Estes mozos, que representan a Galicia no certame, están acompañados pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez. “Están demostrando que a nosa FP é un modelo con gran potencial”, sinala a representante da Xunta de Galicia, quen remarca “o orgullo que supón para o noso ensino que teñan chegado ata aquí”.

Ezequiel Soto, do Instituto IES San Clemente de Santiago, compite na modalidade de Desenvolvemento web; María Bazar, do Centro Integrado de FP CIFP Paseo das Pontes da Coruña, en Panadaría, e Laura Pereira, do Centro Integrado de FP CIFP Manuel Antonio de Vigo, faino en Recepción hoteleira. Eles tres, acompañados por profesores e representantes da Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades, están a demostrar neste campionato internacional a calidade da Formación Profesional galega.

Representación de 70 países
A cidade francesa acolle a 47ª edición dos Worldskills, que arrincou o 10 de setembro e que se prolongará ata este domingo, 15 de setembro. Centrada na sustentabilidade, esta edición conta con 59 modalidades de competición e tres exhibicións nas que participarán máis de 1.400 competidores e 1.300 expertos representando a 70 países e rexións.

Galicia participa activamente desde o ano 2007 nas distintas edicións das competicións nacionais e internacionais de Formación Profesional, Spainskills, Worldskills e Euroskills. Ademais, desde o ano 2012 organízase o campionato autonómico, Galiciaskills.