Friday 22 de November de 2024

O Concello acometerá nas vindeiras semanas obras de restauración na Casa Picasso, con melloras no primeiro andar e renovando parte da estrutura


Con esta intervención, que supón un investimento de máis de 100.000 euros, o Goberno de Inés Rey avanza no seu plan de recuperación dos principais espazos patrimoniais e históricos da cidade

O Concello iniciará nos vindeiros días as obras de restauración do primeiro andar da Casa Picasso, unha iniciativa que forma parte da estratexia do Goberno de Inés Rey para recuperar os espazos patrimoniais e históricos da cidade e de promover o posicionamento da Coruña como cidade picassiana.

A Casa Picasso, un edificio construído no ano 1888 e situado no número 14 da rúa Paio Gómez, no barrio do Ensanche, forma parte da rede de Museos Históricos da Coruña. Foi no segundo piso deste espazo, entre os anos 1891 e 1895, onde viviu a familia Ruíz-Picasso durante os seus anos de estadía na cidade. E foi alí onde o artista Pablo Picasso experimentou os primeiros pasos da súa eclosión creativa, na súa nenez. Actualmente, a vivenda do segundo andar acolle a Casa Museo Picasso, aberta a visitas guiadas, con acceso de balde, co obxectivo de dar a coñecer a vida, obra e percorrido do artista andaluz na súa etapa na Coruña.
Agora, o Concello rehabilitará o primeiro piso da Casa Picasso, un andar destinado a usos múltiples que amplían a oferta de actividade cultural no inmoble, “co obxectivo de renovar parte da súa estrutura, unha intervención necesaria para conservar nas mellores condicións a casa museo”, expuxo hoxe Inés Rey.

Entre as actuacións previstas no primeiro piso está a restauración das carpintarías interiores. Ademais, no aseo disporase un pavimento cerámico similar ao que había antano. “Son dúas medidas orientadas a recuperar os detalles orixinais do inmoble deste andar”, apuntou a rexedora.
Ademais, substituiranse diversos tabiques de barrote por novas estruturas de madeira, coa idea de gañar en luminosidade no conxunto da estancia, e tamén se levarán a cabo melloras nos falsos teitos e nas instalacións de fontanaría existentes.

O Goberno municipal estima que as obras, que acometerá a empresa Citanias, se completarán nun prazo aproximado de tres meses. O investimento do Concello nesta intervención é de algo máis de 107.000 euros.