Sunday 24 de November de 2024

Avanzan os traballos de mellora nos parques infantís da Coruña, coa renovación do firme de caucho na área de xogos de Vioño, xa en execución


O Concello está a traballar estes días na substitución da superficie de xogo, co obxectivo de reforzar a seguridade das crianzas

O Concello traballa estes días na renovación do firme de caucho do parque infantil de Vioño, onde se está a substituír a superficie de xogo para dispor unha nova, co obxectivo de reforzar a seguridade das e dos pequenos, atendendo á erosión e deterioración experimentadas polo caucho, tanto polo seu uso como polo paso do tempo.

As obras que comezaron a inicio deste mes, seguirán nos vindeiros días, coa previsión de que rematen a semana que vén, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para o desenvolvemento dos traballos.

Esta intervención, á que o Concello destina un investimento de case 40.000 euros, forma parte do Plan Integral de Mellora nos Parques Infantís establecido polo Goberno de Inés Rey nas áreas infantís dos barrios da cidade, que ao longo deste ano posibilitou actuacións nos espazos de xogo dos Mariñeiros e no Campo da Leña. Tamén na Sardiñeira, onde xa se executaron os traballos de ampliación da área infantil.
Ademais, cómpre lembrar que este ano abriuse á cidadanía o novo parque infantil dos Pelamios, á beira do Paseo Marítimo, en Orillamar, e tamén se licitaron recentemente as obras de construción do novo parque infantil e a pista multideporte da Silva, dúas infraestruturas que estarán situadas preto do centro social do barrio.

A maiores, xa están adxudicadas as obras de ampliación do parque infantil da praza de Avogacía, en Catro Camiños. E, por outra banda, desde finais de agosto están en execución os traballos de remodelación do parque infantil da praza de San Cristovo, a carón da estación intermodal.