Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño abre as preinscricións nas escolas municipais


O Concello de San Sadurniño volverá poñer en marcha a primeiros de outubro a súa oferta de escolas culturais e deportivas para todas as idades. Ximnasia para persoas maiores, fútbol, voleibol, gaita, pandeireta, baile tradicional e música moderna integran un catálogo formativo ao que cómpre engadirlle a actividade de pilates ofrecida por Cora Pita na Casa da Cultura e a recentemente estreada actividade de ioga que imparte Ana Fernández no local social de Lamas en colaboración coa asociación veciñal. Para anotarse nestas dúas últimas propostas, que non forman parte da programación do Concello, hai que contactar directamente coas profesoras, mentres que para as escolas municipais será necesario facer primeiro unha preinscrición no 981 490 027 para saber se hai persoas suficientes para formar cada grupo.

No caso do fútbol e do volei son a Escola de Fútbol Irmandiños e mailo Aldebarán quen se encargan da formación, polo que haberá que contactar con calquera deses dous clubs para formalizar directamente as matrículas. Os teléfonos da EF Irmandiños son o 667 55 32 29, mentres que do Aldebarán atende no 697 392 693.

O club local de voleibol ofrece a posibilidade de que a rapazada probe de balde durante todo este mes de setembro e mantén a gratuidade durante todo o ano para a categoría de biberóns, mentres que as cotas mensuais para benxamíns e alevíns serán de 20€ e as do resto de equipos de 25€.

Para o resto das escolas -ximnasia de persoas maiores, gaita/percusión, pandeireta, baile tradicional e música moderna- será necesario facer a preinscrición chamando ao 981 490 027. O grupo mínimo en cada escola son 8 persoas, agás en música moderna, onde deberán ser polo menos 20.

Unha vez que se confirmen os grupos poderase efectuar a matrícula a partir do día 3 de outubro, xa que nesa semana será cando comecen a maioría das escolas. O pagamento pode domiciliarse, ingresarse no banco ou facelo con tarxeta tanto no Concello como na Casa da Cultura.

Os horarios das actividades quedan, en principio, coma o ano pasado. Ximnasia será os luns de 16:00 a 17:00h en Naraío e de 17:15 a 18:15h en Lamas, os martes en Igrexafeita e San Sadurniño, os mércores en Naraío e Santa Mariña, os xoves en Igrexafeita e SanSadurniño e os venres en Santa Mariña e Lamas.

Gaita está posta para os martes, iniciación ás 19:30h e perfeccionamento ás 20:30h. Pandeireta toca os mércores, con clases de iniciación ás 18:30h e perfeccionamento a partir das 19:30h. Baile tradicional ten lugar na Casa da Cultura os xoves en horario de 20:00 a 21:00h. Os distintos instrumentos de Música moderna reuniranse ao longo da tarde dos mércores na Casa da Xuventude.

Pilates e Ioga en instalacións municipais
As clases do método Pilates, ofrecidas por Cora Pita, continúan na Casa da Cultura os luns e mércores de 20:00 a 22:00h (este mes están de 20:30 a 21:30h). Nos dous grupos que xa hai formados aínda quedan prazas, que se poden reservar contactando coa profesora no 665 957 056. Nese móbil tamén se pode ampliar información sobre a actividade.

A novidade este ano son as sesións de Ioga no local social de Lamas coa colaboración da asociación veciñal. A profesora é Ana Fernández dirixe os encontros os martes e xoves de 20:00 a 21:30h. O prezo son 30€ ao mes para persoas socias da AVV Xuntanza de Lamas e de 32€ para as non socias. O teléfono de contacto para anotarse é o 678 942 949.

Reserva de instalacións municipais
Por último, lembramos que desde o primeiro de setembro está aberto o prazo de solicitude de instalacións deportivas e culturais de cara ao próximo curso. As entidades e/ou particulares deberán tramitar as peticións cunha solicitude xenérica a través do rexistro municipal ou da Sede Electrónica.