Carballo reforza o seu compromiso coa mobilidade sostible a través das actividades que se desenvolverán do 16 ao 22 de setembro
Carballo é unha das 432 cidades españolas (124 máis que o ano pasado) e das 1.691 de todo o mundo que participan na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Comisión Europea para promover o cambio de comportamento en favor dunha mobilidade activa e de solucións de transporte limpas e intelixentes.
O lema deste ano é Espazo público compartido, e precisamente o programa de actividades que presentaron hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, pretende ser un escaparate das accións permanentes de recuperación do espazo público para a cidadanía que estamos a promover desde o goberno municipal, como a ampliación das beirarrúas, o incremento das zonas peonís, os aparcadoiros de proximidade ou os lavabicicletas que se van instalar nos próximos días. “O obxectivo -dixo Juan Seoane- é “visibilizar a necesidade dun cambio modal, na maneira de desprazarnos, apostando por un cambio da mobilidade na que teñan máis presenza os peóns e as bicicletas”.
Neste obxectivo contamos, un ano máis, coa colaboración de entidades como Íntegro, Senda Nova e Club Ciclista Carballo, así coma da veciñanza da rúa Mahón; pero as portas da Semana da Mobilidade están sempre abertas, e nesta ocasión tamén se suman Vegalsa, con actividades infantís, e a UDC, a través da Facultade de Fisioterapia, cunha xornada de introdución á marcha nórdica.
A Semana Europea da Mobilidade celébrase todos os anos do 16 ao 22 de setembro, así que neste 2024 vai ser de luns a domingo. Comezaremos con forza, xa que na primeira xornada teremos, coa colaboración do Club Ciclista Carballo e a Policía Local, un circuíto de seguridade viaria para nenos e nenas na Praza do Concello, onde tamén poderán divertirse e aprender co xogo de mesa Cicl-Ando Carballo. O primeiro día será tamén a xa tradicional ruta guiada por Senda Nova polo treito menos urbano da Ruta dos Muíños do Pan, e unha ruta urbana en bicicleta para todas as idades.
Unha das novidades deste ano chegará o martes 17. Grazas á colaboración de María Vilanova, investigadora da Facultade de Fisioterapia da UDC, celebraremos unha xornada de iniciación á marcha nórdica. Para as primeiras 20 persoas inscritas haberá bastóns dispoñibles, pero aqueloutras que xa dispoñan deles e queiran sumarse non terán máis que achegarse ata o punto de encontro, no acceso ao Bosque desde A Lagoa, para participar na marcha.
Por segundo ano consecutivo, en coordinación co Servizo de Normalización Lingüística, o mércores celebrarase un obradoiro de seguridade viaria con Apego, destinado a nenos e nenas de ata 6 anos de idade. O obxectivo é que os peques empecen a familiarizarse coa mobilidade sostible e segura, e por iso, coa colaboración do Club Ciclista Carballo, instalaremos un circuíto para correcamiños, bicicletas e todo tipo de vehículos infantís na planta alta do mercado municipal. As familias interesadas deben inscribirse enviando un correo electrónico a snl@carballo.gal.
Ese mesmo día realizarase unha das numerosas andainas incluídas no programa. Neste caso será unha ruta urbana para todas as idades, pero o xoves sairemos para percorrer a microtoponimia urbana con Fernando Cabeza Quiles, o venres estrearemos a Liña 2 do trolebús literario de Carballo noutra saída a pé guiada por Hadrián García e o sábado iremos con Xabier Maceiras pola costa, da Pedra do Sal a Razo, para coñecer os Contos mariños de Carballo.
Como xa é costume na SEM, tanto o xoves coma o domingo haberá un agasallo para as persoas que se acheguen en bici ata o mercado municipal, e outro clásico que non falla é a colaboración da asociación Íntegro, que o día 20 ofreceranos dúas actividades: pola mañá, unha campaña de sensibilización sobre as prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, e pola tarde, unha actividade con cadeiras de rodas e outros apoios técnicos aberta a toda a cidadanía.
Pero tamén hai, como podedes comprobar, moitas novidades, sobre todo para os/as peques. Entre elas, o espectáculo circense Soños encantados, da Fundación teatral Tchyminigagua, o venres pola tarde, e as actividades do programa Come rico, vive san, que nos achegará Vegalsa ao longo da mañá do sábado.
O 22 de setembro é o Día sen coches en toda Europa, e en Carballo sumámonos tamén cunha xornada na que cambiaremos os vehículos a motor por bicicletas, patinetes, triciclos… e tamén xogos, en distintas rúas urbanas. Coa colaboración da veciñanza converteremos a rúa Mahón nunha pista de xogos, e por primeira vez pecharemos tamén a rúa Costa Rica para prolongar o Parque do Hospital. Pola tarde sumaranse ao peche as rúas Valle-Inclán, Concepción Arenal e Cervantes, para acoller unha sesión de xogos populares con monitorado.
Nalgunhas desas actividades requírese inscrición previa por motivos organizativos. O prazo está aberto xa. Atoparedes o formulario ao final da nova.