Turismo de Galicia viaxará dende o mércores 10 ata o próximo 14 de febreiro na feira Free que se celebra na cidade de Múnich
Turismo de Galicia promoverá esta semana, dende o mércores 10 ata o próximo domingo 14 de febreiro, a oferta turística galega ao sur de Alemaña na feira Free que se celebra na cidade de Múnich.
Deste xeito, a oferta turística global da Comunidade galega estará presente no certame de promoción de turismo e lecer máis importante do sur de Alemaña, que ten lugar cada ano dende hai 43 edicións.
Turismo de Galicia fará especial énfase en aqueles recursos e produtos de especial interese para o mercado alemán, como é o Camiño de Santiago e o resto de experiencias turísticas relacionadas coa natureza que ofrece Galicia, como Paseando entre Viñedos, Mananciais de Galicia, Turismo Mariñeiro, Santuarios Máxicos, Faros e Praias Salvaxes, a Ruta da Camelia, Bosques de Galicia, Patrimonio Oculto e Lugares Únicos, entre outras.
O gran interese do mercado alemán por estes recursos nos que a nosa Comunidade ofrece un amplo abano de posibilidades fan desta feira unha plataforma perfecta par promover Galicia como destino turístico.
A cifra de turistas alemáns incrementouse no 2015 nun 22,6%
A participación neste certame turístico permitirá influír no mercado turístico alemán, o segundo mercado internacional máis importante para a comunidade galega, ao representar o 11% do total dos turistas estranxeiros que se aloxaron nos establecementos hoteleiros de Galicia o pasado ano.
A cifra de alemáns aloxados nos establecementos turísticos galegos superou o pasado ano os 140.000, incrementándose nun 22,6% en relación ao ano 2014.
O mercado alemán xerou así máis de 200.000 pernoitas en Galicia, superando nun 21% o dato do ano 2014.
Máis de 18.000 peregrinos alemáns
Nesta feira, Turismo de Galicia fará especial fincapé na promoción do Camiño de Santiago entre os cidadáns alemáns, xa que un total de 18.859 peregrinos alemáns fixeron a Ruta Xacobea no pasado ano.
Os peregrinos procedentes desta nacionalidade supuxeron o pasado ano o 13,5% do total de peregrinos que chegaron a Compostela.
Alemaña ocupou así o lugar número tres no ranking de países de chegada de peregrinos á Oficina de Acollida de Santiago de Compostela, tras España e Italia.