Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame e a Xunta asinan un convenio de 385.000 euros para mellorar o interior de Camboño


Enmarcada no Plan Hurbe, a actuación inclúe a mellora funcional do espazo público viario e da zona de esparexemento cotiá dos veciños

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, veñen de selar hoxe o convenio de colaboración para executar as obras para a mellora do espazo público viario de Camboño (que inclúe Camboño, Chousa, O Corral de Arriba e O Corral de Abaixo). Na sinatura deste acordo en San Caetano estivo tamén presente a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.

A actuación, que suporá un investimento de preto de 385.000 euros enmárcase no Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego para axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas. Segundo recolle o acordo asinado, executaranse obras de pavimentación nesta zona, pertencente á parroquia de San Xoán de Camboño.

Os traballos inclúen actuacións encamiñadas á mellora estética e funcional deste espazo público empregado a día de hoxe como viario e zona de esparexemento cotiá dos veciños do municipio. Na actualidade esta zona presenta un pavimento de formigón moi deteriorado debido ao paso do tempo e á realización de diferentes reposicións.

Para solucionar a situación, substituirase o pavimento actual, coa mellora dos acabados e do seu aspecto, e renovarase a canalización para a recollida da augas pluviais, coa instalación de tubaxe para o futuro servizo de auga potable. A maiores, instalarase alumeado público e aproveitarase para soterrar as redes de baixa tensión e telecomunicacións existentes na actualidade.

A Xunta asumirá o 70% do orzamento desta intervención, preto de 270.000 euros, e contratará e executará as obras. O Concello de Lousame achegará o 30% restante, algo máis de 115.000 euros, e encargarase tanto da redacción do proxecto das obras como da realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Ademais, o Concello comprométese a incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.

María M. Allegue destacou a continuidade no compromiso de colaboración co Concello no marco do Plan Hurbe da Xunta, onde xa foron executadas e incorporadas ao patrimonio público municipal de Lousame as obras de humanización do acceso á Casa da Cultura e a mellora do viario de Bouciñas a Cruído.

Pola súa banda, Teresa Villaverde amosa a súa satisfacción pola sinatura deste acordo, xa que se trata dunha obra importante xa que “os viarios de acceso a Camboño teñen abundante tráfico, tanto peonil como rodado”, razón pola que o Concello de Lousame xa solicitara a súa inclusión no Plan Hurbe no ano 2022. Un proxecto orzamentado naquel momento en algo máis de 210.000 euros pero que foi mellorado coa inclusión de novas actuacións que beneficiarán ao conxunto de veciños e veciñas de Camboño.