Friday 22 de November de 2024

A escola infantil de Neda abre o curso con 23 alumnos e alumnas e matrícula aberta para novas incorporacións


A escola infantil municipal Os Pelegríns arrincou o curso 2024-2025 cun total de 23 nenos e nenas nas súas aulas. Segundo anunciaba esta mañá o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, durante unha visita ao centro, o principal equipamento de conciliación do municipio, situado xunto ao paseo marítimo de Xuvia, manterá aberto o prazo de matrícula en tanto non cubra as vacantes existentes.

O rexedor municipal e a concelleira delegada de Igualdade, Ángeles Puentes, achegábanse ao centro para saudar ao alumando, e interesarse por como está resultando o seu período de adaptación. O curso botaba a andar o 2 de setembro con catro bebés de menos de un ano; seis de entre un e dous anos, e trece no grupo dos maiores, con idades comprendidas entre dous e tres aniños.

Así, as clases comezaron, seguindo a tónica habitual dos últimos anos, co algo máis da metade das prazas cubertas (o total son 41), unhas cifras que, dende o Concello confían en ir mellorando co paso dos meses, tal e como aconteceu en anos precedentes. Sen ir máis lonxe, en setembro do 2023 comezaron 21 e no mes de xuño con preto dunha trintena de alumnos/as na escola.
O proxecto educativo do centro artéllase ao redor de doce centros de interese – un por mes- que marcan os traballos nas aulas. En setembro toca coñecer a escola; outubro será tempo da vendima, e en novembro traballaranse os sentimentos e emocións.

O alcalde Ángel Alvariño anima a veciñanza con fillos/as de entre 0 e 3 anos, con dificultades para conciliar vida laboral e obrigas familiares, a botar man deste servizo gratuíto, cunha xornada que se adapta a cada caso (xornada completa, media ou reducida) e conta con servizo de cociña e comedor propios, cun menú pautado por unha nutricionista, e adaptado ás necesidades de cada neno. Ao haber vacantes, o centro, que funciona os doce meses do ano de 8 a 16 horas, ábrese a alumnado doutros municipios, sendo unha boa solución para persoas que se desprazan traballar á localidade.

A escola infantil constitúe o principal baza en materia de conciliación do Concello de Neda. Unha aposta que conleva un investimento anual por parte da administración local duns 200.000 euros, contando cunha axuda da Xunta que rolda os 40.000.