O Concello resolveu definitivamente no día de hoxe as solicitudes de subvencións para comedores escolares para este curso 2024/2025 concedendo 52 becas máis que no pasado curso, pasando de 60 a 112 subvencións. As familias beneficiarias percibirán esta axuda desde o primeiro día do curso escolar grazas aos convenios de colaboración asinados coas ANPAS, imprescindibles colaboradoras para esta iniciativa.
No caso de aqueles nenos e nenas en peor situación económica, o Concello asumirá o 100% do gasto do comedor escolar. Tamén hai axudas do 60% e do 40%, outorgadas en función da renda. Todas as solicitudes presentadas foron revisadas pertinentemente polos funcionarios municipais, quedando fóra destas axudas as persoas que superan os ingresos máximos establecidos. No caso de que algunha familia vexa modificada a súa situación económica ao longo do curso, o Concello dispón dos mecanismos oportunos para outorgar a axuda correspondente.
Estas subvencións teñen por obxectivo garantir a alimentación de todos os nenos e nenas con familias que atravesan problemas económicos. Ademais, tamén se procura facilitar a conciliación daquelas familias que non estando nunha situación de vulnerabilidade si poden ter dificultades económicas.
As ANPAs (familias) están a asumir a xestión dos comedores escolares, cando é a Xunta de Galicia a que está obrigada a facelo, pois non debemos esquecer que estamos a falar de períodos educativos obrigatorios, e esta axuda de apoio ao comedor escolar, naceu para eliminar as diferencias entre as nenas e nenos de Oleiros, pois dependendo da zona onde vivan a escola que se lles asigna ten ou non comedor xestionado pola ANPA.