— O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da iniciativa na que nove galerías inaugurarán a súa tempada expositiva
— Durante os días 19 e 20 setembro abrirán as mostras das entidades da Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación de Aberto 24, onde salientou o compromiso da Xunta de Galicia coa difusión da arte contemporánea e o apoio á Asociación de Galerías de Arte de Galicia que organiza esta iniciativa onde as nove galerías que a conforman inaugurarán a súa tempada expositiva.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude agradeceulles a súa contribución por impulsar os traballos dos creadores galegos a través dunha programación de mostras que reunirán tanto artistas noveles como consagrados. Neste senso, Anxo M. Lorenzo reiterou o compromiso do Goberno galego coa actividade destes profesionais, aos que apoia de xeito constante. Un dos exemplos deste apoio amósase a través das axudas para a participación en feiras e certames que aumentaron na convocatoria deste ano e das que algúns destes espazos foron beneficiarios.
Aberto 24 é a cita na que nove galerías da Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo inician a temporada de mostras que abrirán o 19 de setembro en horario especial e que a partir desta data se poderán visitar en horario habitual. Organizado pola Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, participan as entidades da Coruña, Metro, Nordés, Moret Art e Vilaseco; de Ourense, Marisa Marimón; de Santiago de Compostela, Dupla, Luisa Pita e Trinta; e de Vigo, PM8.
Variedade de propostas
O día 19 abrirán en Santiago de Compostela a galería Trinta, coa exposición Amada, da artista Juana González; a galería Dupla, que mostrará a obra da artista urbana Lula Goce, a galería Luisa Pita, con Al otro lado del espejo, do artista oetense Fernando Suárez Reguera; e Metro, coa mostra Tienes un gusto de mierda. Yo también , de Suso Basterrechea.
Na Coruña, Nordés inaugurará unha mostra coa obra do ourensán Ánxel Huete; Moret Art, presentará Fragilis, do artista valdeorrés Iván Prieto, e Vilaseco ofertará obra do artista madrileño Eduardo Martín del Pozo na exposición Las flores más caras.
No caso de Vigo, a galería PM8 amosará Le Visage, da artista lituana Elena Narbutaité. Finalmente o día 20, a galería Marisa Marimón de Ourense exporá Friccións, da fotógrafa estradense Ariadna Silva Fernández.