Friday 22 de November de 2024

Carral recibe unha nova tempada de artes escénicas coas súas Noites de Monólogo  


O ciclo inaugurarase mañá, venres 13 de setembro, a cargo de Xan Veiga.

A entrada aos espectáculos é libre ata completa aforo. Todos terán lugar no local Xente Nova de Tabeaio ás 21.00 horas.

Carral inaugurará, esta semana, unha nova tempada de artes escénicas coa 11ª edición das súas Noites de Monólogo. O ciclo arrincará mañá, venres 13 de setembro, cunha primeira sesión a cargo de Xan Veiga. Vero Rilo e Santi Cribeiro tomarán a remuda a vindeira semana (venres, 20 de setembro) e Marta Doviro será a encargada de pechar a onceava edición o venres, 27 de setembro.

O primeiro monólogo será Que anos aqueles, de Xan Veiga. Ao longo do mesmo, o público embarcarase nunha viaxe ao pasado para lembrar as desventuras dun galego e para rememorar, así mesmo, costumes, ditos, xogos, cantigas, etc. O obxectivo de Veiga non será outro que facer reflexionar aos asistentes sobre se as cousas para os galegos cambiaron ou non con respecto a outras épocas.

Unha semana despois, Vero Rilo e Santi Cribeiro chegarán ao municipio con Tralalareira, un espectáculo no que a tradición oral e a música se mesturarán para revelar ao público historias de vida, de tradición e desas que se contaban arredor dunha lareira.

Marta Doviro será quen peche as Noites de Monólogo con Memorias dunha rapasa da costa. Nesta actuación falaranos sobre o seu propio periplo polas distintas vilas nas que viviu. Doviro valerase da comedia para retratar o carácter das súas xentes, vivencias e ata historias reais de piratas facendo, así mesmo, un paralelismo entre a realidade de Galicia e a hollywoodiense.

Todas as actuacións levaranse a cabo no local Xente Nova de Tabeaio ás 21.00 horas. O acceso aos espectáculos é libre ata completar aforo.

As Noites de Monólogo preséntanse como un dos eventos de maior traxectoria do municipio. Así, ao longo destas 11 edicións subiron ao escenario carralés artistas de renome como Luis Zahera, Evaristo Calvo, Sergio Pazos, Pedro Brandariz, Oswaldo Digón, Cándido Pazó ou Paula Carballeira, entre outros.