Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene mellora a accesibilidade en espazos públicos grazas ao Obradoiro de Emprego “Inicia VII”


Esta semana remataron os traballos de colocación de varandas en San Valentín e no Pavillón Polideportivo A Xunqueira

O programa busca mellorar a empregabilidade da mocidade e potenciar a súa inserción laboral

O alumnado traballador do Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil “Inicia VII”, especializado en Fabricación e Montaxe de Instalacións de Tubaxe Industrial, rematou esta semana as actuacións programadas no Concello de Fene. Estes traballos centráronse na mellora da accesibilidade e seguridade en diversas infraestruturas do concello.

As actuacións incluíron a substitución e instalación de novas varandas nas escaleiras de acceso a San Valentín pola prolongación da Rúa Tellerías. As novas varandas, previamente fabricadas polo alumnado no taller, substituíron ás antigas, que non cumprían coa normativa actual en materia de accesibilidade. Ademais, o alumnado – traballador tamén completou a colocación de pasamáns laterais e unha varanda central nas gradas do Pavillón Polideportivo A Xunqueira, dotando así o espazo de maior seguridade para as persoas usuarias.

A concelleira de Emprego e Formación, Cristina García, salientou a importancia deste tipo de programas mixtos que combinan formación e traballo efectivo. “Este Obradoiro non só contribúe á mellora de infraestruturas no noso concello, senón que ofrece á mocidade unha oportunidade de mellorar a súa empregabilidade, grazas á formación práctica que están a recibir”, destacou. “O noso obxectivo é que o alumnado saia cualificado e preparado para acceder ao mercado laboral coas mellores condicións”, engadiu.

O Obradoiro de Emprego, que comezou en outubro de 2023 e ten unha duración dun ano, conta coa participación de 16 persoas en formación, 12 alumnos e 4 alumnas, pertencentes aos concellos de Fene, Ares, Mugardos e Cabanas. O persoal docente está formado por unha directora, un docente da especialidade, unha docente de formación empresarial e unha de formación básica

O Obradoiro está subvencionado pola Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración, dentro da iniciativa de emprego xuvenil e o Programa Operativo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021-2027. Está dirixido á mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, e fomenta a formación práctica en servizos de interese xeral e social, coa finalidade última de facilitar a inserción laboral das persoas participantes.