A conselleira do Medio Rural asistiu, xunto coa delegada da Xunta en Ourense, á clausura na Cidade das Burgas do “17º Salón Internacional de Turismo Gastronómico”
A Xunta de Galicia apoia a celebración de eventos como Xantar, “17º Salón Internacional de Turismo Gastronómico”, porque representan unha “magnífica oportunidade” para dar a coñecer o mellor dos produtos da nosa terra, elaborados e cociñados con mimo polos mellores profesionais da cociña galega.
Así o destacou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na clausura deste evento gastronómico celebrado en Ourense, acto no que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta nesta provincia, Marisol Díaz, entre outras autoridades.
A titular de Medio Rural definiu Xantar como un referente entre os amantes da arte culinaria en Galicia, pero que xa acadou nos últimos anos unha gran proxección non só nacional, senón tamén internacional. E engadiu que a nosa Comunidade ofrece a través da súa gastronomía o mellor da súa esencia e o seu carácter auténtico.
A conselleira sinalou ademais que unha feira como esta o que persegue finalmente é a dinamización da economía galega a través do sector agroalimentario, por unha banda, e tamén por medio do impulso ao eido hostaleiro, ambos sectores claves para o desenvolvemento de Galicia.
Participación de Medio Rural
Ángeles Vázquez salientou a participación de Medio Rural nesta edición de Xantar, na que estivo presente cun espazo expositivo no que se ofreceu un menú degustación denominado “experiencias de calidade”, elaborado a base de produtos con denominación de calidade.
Tamén se levaron a cabo degustacións, catas e presentación de produtos e instalouse un “Túnel do viño” que permitiu aos visitantes coñecer e probar libremente mostras das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas e da de augardentes e licores tradicionais. A Xunta tamén fixo promoción neste certame do selo de calidade diferenciada Galega 100%, co fin de dar a coñecer as excelencias do leite galego e dos seus derivados.