Thursday 21 de November de 2024

O concurso da froita, o clásico de todas as feiras rurais, volverá xuntar as mellores pezas de toda a comarca


Levarán premio os tres mellores lotes, que se sortearán entre o público antes do remate da feira

A exposición e concurso de froita autóctona organizada polo Concello de San Sadurniño e a AGFA do Eume é un dos sinais de identidade da feira rural do último sábado de agosto. E vén sendo así desde a primeira edición, celebrada en 2009, de xeito que o principal e maior espazo do recinto se enche de variedades de mazá, peras, claudias, pexegos e de todo o que lle cadre de estar maduro neste tempo en distintos puntos da comarca, onde a froita vai vindo tamén en distintos momentos por causa dos microclimas tan variados que temos. Este ano semella que vai ser vizoso en practicamente todo -así o testemuñan as árbores da horta de conservación Carlos Fornos, situada ao carón da feira- e de todo poderemos ver este sábado en San Sadurniño, onde os mellores lotes por feitura, sabor e outras características recibirán cadanseu premio.

Cada persoa poderá presentar cantos lotes de froita queira sempre que cada un deles sexa da mesma variedade e teña un peso mínimo de 2 quilos, aínda que o xurado pode admitir cantidades inferiores se a súa rareza ou o tamaño das pezas o xustifican.

Os lotes deberán proceder de hortas tradicionais das comarcas de Ferrol, o Eume, o Ortegal ou Betanzos, vir presentados en cestos (non se admiten caixas con denominacións comerciais) e as bases establecen que por cada unidade familiar só se poderá percibir un premio.

A Comisión de Inscrición e o xurado estarán formados por dúas persoas expertas da AGFA do Eume e unha persoa en representación do Concello. Para facer as valoracións contarán cunha táboa de puntuación que, entre outros factores, valorará se se trata de variedades antigas ou en perigo de extinción, o seu tamaño, se a pel presenta ou non defectos, a cor, o grao de maduración, o sabor, a textura da carne, etc.

As bases completas poden consultarse nesta ligazón. O documento tamén reflicte os horarios do concurso. As inscricións cómpre facelas na carpa principal de 10:30 a 11:30h e, inmediatamente despois de pechar o tempo para anotarse, o xurado iniciará a valoración de cada lote. A comunicación do fallo e a entrega dos premios faranse sobre as 13:30h. Se houbese algunha reclamación, a entrega posporase media hora.

As persoas participantes levarán como agasallo un pé dunha froiteira do país e os tres primeiros premios recibirán cadanseu bono de 100 euros para gastar nun establecemento do Concello. Os cestos premiados quedarán na feira e sortearanse entre o público ás 19:45h.

Visitas guiadas e promoción da Fusquenlla
O concurso da froita autóctona non é a única actividade relacionada coa difusión do noso patrimonio vexetal. A AGFA do Eume programou dúas visitas guiadas á horta de froiteiras Carlos Fornos, unha ás 11:30h que leva asociado un obradoiro de técnicas de enxertado e outra ás 17:30h na que tamén se tratarán as podas de verán. As inscricións haberá que facelas no posto de información do Concello.

Estes percorridos pola horta complementaranse, ademais, coas visitas que conducirá a Casa do Mel polo colmear didáctico, situado nunha das esquinas da plantación para facilitar a polinización das árbores. A primeira será ás 12:30h e a segunda ás 18:30h. Tamén haberá que anotarse no expositor do Concello.

Dentro da promoción do potencial de desenvolvemento socioeconómico que ten o rural, a feira volverá contar cun posto do Centro de Apoio ao Medio Rural A Fusquenlla. Nel atoparemos información sobre o proxecto -ao que recentemente se uniron os concellos de Cedeira, Narón e As Pontes- e tamén poderemos probar e comprar algúns dos produtos que xa están saíndo das súas instalacións.