Friday 22 de November de 2024

O Concello e a Xunta reparan baños e cociña da residencia de anciáns Dolores Díaz Dávila


• Supoñerá un investimento de máis de 41.000 euros e poñerá fin aos problemas das actuais instalacións, desgastadas polo paso do tempo.

O Concello de Ortigueira, grazas a un convenio de colaboración co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, renovará varios baños, habitacións e á cociña da residencia de anciáns Dolores Díaz Dávila.
A actuación, que supoñerá un investimento que supera os 41.000 euros, xa saíu a licitación e contempla a reparación de varios aseos das habitacións da primeira planta, incluíndo a pintura de paredes e teito das mesmas; e a substitución de dúas xanelas da cuberta da cociña.
O motivo desta intervención son as filtracións de auga nos devanditos baños, o que provoca a aparición de danos no falso teito. Ademais, os azulexos das duchas non contan con impermeabilización, polo que a humidade fíltrase polo tabique e provoca danos na zona do corredor.
As habitacións serán pintadas debido ao paso do tempo e o uso. En canto á cociña, cambiaranse as dúas xanelas tipo “Velux” do tellado por outras novas, pois as actuais, debido ao desgaste, filtran auga da choiva e provocan pingueiras no interior.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, indica que, con esta obra, “cumprimos unha promesa máis, pois nos comprometemos a mellorar o estado da residencia de anciáns e agora, grazas a este convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, os usuarios e usuarias deste centro deixarán de padecer os problemas derivados do uso das instalacións”.

Calvín engade que “o noso compromiso coa calidade de vida das persoas maiores é inquebrantable, e demóstrase con feitos. A estas melloras podemos engadir outras medidas adoptadas polo goberno local como a creación do SEETA (Servizo Específico de Estimulación Terapéutica do Alzheimer e outras Demencias), unha iniciativa pioneira e con moita demanda que mellora o día a día de maiores con demencia no noso municipio”.