Friday 22 de November de 2024

A ruta á Fervenza e a Noite de Bolos chegan este sábado como antesala da Festa do Pan de Neda


Neda prepárase para vivir a súa fin de semana grande. O Concello organiza este sábado, a modo de adianto da súa Festa do Pan, declarada de Interese Turístico de Galicia, que alcanza o domingo a súa 34 edición, a ruta da Fervenza e unha nova entrega do festival Noite de Bolos, protagonizado desta volta por artistas de Ferrolterra.

A programación especial arrinca as 10 horas coa camiñada á beira do Belelle entre a Área recreativa de Maciñeira e a emblemática fervenza. Trátase dun percorrido de algo más de 6,8 km (ida e volta), que permitirá aos participantes coñecer o patrimonio natural e etnográfico que rodea a un río, que historicamente foi clave no desenvolvemento económico da vila. e, singularmente, no despegue da súa industria panadeira. Ao redor de medio cento de persoas está previsto que participen na saída.
A segunda gran cita chegará a partir das 21.30 horas. Nese momento acenderase no Paseo marítimo de Xuvia o escenario de Noite de Bolos. O certame musical aposta nesta ocasión por poñer o foco nos artistas da comarca, cunha oferta variada que combina bandas emerxentes e consolidadas e cun público fiel como Malditos Pendejos.

O certame iniciarase coa música urbana de Aka Fresh e o seu son único, froito da mestura de ritmos asociados co trap melódico e co hyperpop. No concerto non faltarán os temas de seu traballo “Lost in traslation”, publicado o pasado ano. Deseguido, será a quenda de Keepers, outro grupo que despunta, ofrecendo un percorrido por clásicos do rock e himnos do metal internacional, no que intercala cancións propias. Só un dato, a banda, integrada por mozos e mozas de entre 14 e 20 anos, converteuse no 2023 no grupo máis xove en actuar no célebre Resurrection Fest.
E, como fin de festa, o potente directo de Malditos Pendejos, grupo xa verterano, que trunfa coas súas versións do mellor rock e os temas dos seus álbums “El puto Rock & Roll” e “Revivir”, sempre coa influencia das bandas dos 70 e 80.

A ruta á Fervenza e máis a Noite de Bolos serán a antesala da Festa do Pan, cita de exaltación do produto estrela da gastronomía nedense, que se porá en marcha o domingo, a partir das 10 horas coa apertura dos postos de venda tantos das panaderías participantes (Modesto Hermida, Panificadora Germán, La Gallega, Santa Rita e Packy).

A programación, organizada polo Concello, conta co financiamento da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, no marco das axudas aos concellos para o apoio e difusión das súas Festas de Interese Turístico de Galicia.