Está previsto que os traballos comecen ao longo do mes de setembro. Desta forma, o Goberno de Inés Rey avanza no plan de renovación das dotacións deportivas ao aire libre en todos os barrios da cidade
O Concello da Coruña acometerá proximamente as obras de ampliación e mellora da área biosaudable de Palavea, un espazo creado para fomentar a práctica de exercicio físico, situado na contorna do centro cívico do barrio, e onde o Goberno de Inés Rey ten previsto cuadruplicar a superficie actual para darlle resposta ás solicitudes de veciñanza.
Actualmente, a área biosaudable de Palavea conta cunhas dimensións de 20 metros cadrados, repartidos entre varios espazos individuais con firme de caucho, onde hai equipamentos deportivos que, co seu uso simultáneo, teñen capacidade para 11 persoas usuarias.
Atendendo ás demandas das e dos usuarios do parque, aproveitarase a superficie dispoñible na praza para ampliar a área biosaudable a uns 90 metros cadrados, con dous espazos próximos entre si, onde se instalarán, ademais, novos elementos deportivos orientados á tonificación muscular, flexibilidade, mobilidade articular, control postural. Por exemplo, unha nova bici estática, que forma parte das principais reclamacións das e dos veciños usuarios da área biosaudable. Tamén se instalará un step asistido, unha roda de estiramentos, unha bicicleta ideada para o exercicio de brazos e unhas barras paralelas.
A previsión do Concello é que as obras de mellora se inicien ao longo do mes de setembro, cun prazo de execución de aproximadamente dous meses. O investimento será de 40.000 euros.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, puxo en valor “o compromiso do Goberno de Inés Rey para avanzar na mellora das dotacións deportivas ao aire libre en todos os barrios da cidade, escoitando as peticións das veciñas e veciños”, e lembrou que, recentemente, o Concello tamén habilitou un novo espazo biosaudable na praza do Parque, en Monte Alto, unha actuación que forma parte dun plan de continuidade para renovar, mellorar e ampliar as infraestruturas de gozo e lecer para a cidadanía en cada distrito da Coruña.