A Estratexia xurde coa vontade de dar resposta ao incremento da esperanza de vida media na nosa Comunidade Autónoma, que se sitúa nos 86 anos fronte aos 82 da media nacional
A Xunta de Galicia ten fixado un marco de actuación para dotarse da nova Estratexia Galega de Envellecemento Activo dende a Innovación 2016-2020, que se pode consultar na páxina web da Consellería de Política Social. Este documento estará colgado no devandito portal durante as próximas dúas semanas –en concreto, ata o día 20 de febreiro- coa finalidade de que as entidades, organizacións, axentes sociais e persoas a título individual acheguen as súas suxestións e acadar así unha proposta inicial participada a partir da cal avanzar no contido da Estratexia.
Esta Estratexia xurde coa vontade de dar resposta ao incremento da esperanza de vida media na nosa Comunidade Autónoma, que é unha das máis elevadas de toda España situándose en 86 anos fronte a 82 da media nacional. Ademais, este marco de actuación reforza o compromiso co envellecemento activo e o benestar tanto dos maiores como das persoas con discapacidade, dous colectivos prioritarios para o Goberno galego. Neste sentido, os catro eixes en que se fundamenta a Estratexia son o emprego; a participación na sociedade; a vida independente, activa e segura; e a non discriminación e a igualdade de oportunidades.
Máis polo miúdo, os obxectivos específicos que a Xunta de Galicia persegue con esta estratexia de envellecemento activo e saudable son: determinar os diferentes perfís que existen de persoas maiores para a mellor adecuación das políticas sociais e económicas que poden ser obxecto da intervención; levar a cabo accións concretas que permitan desenvolver solucións, políticas e estratexias innovadoras mediante actividades específicas; favorecer a difusión e a comprensión do envellecemento activo e os seus beneficios; xerar un conciencia favorable ao coidado da saúde e da autonomía persoal; promover a ruptura de estereotipos negativos asociados ás persoas maiores; e promover a participación das persoas maiores en todos os campos da vida; así como desenvolver medio e espazos que favorezan a súa implicación activa, solidaria e comprometida das persoas maiores co seu entorno.
Galicia referente
En definitiva, trátase de que Galicia se sitúe á cabeza das Comunidades en envellecemento activo e saudable; e para iso a Estratexia tamén fixa metas en terapia e formación. Así, este marco de actuación recolle como un dos fins nos que traballar o de impulsar experiencias, con criterios de innovación, terapéuticos e económicos, no campo do envellecemento activo que potencien a vida independente e con calidade das persoas maiores nos seus propios contornos. E no que atinxe ao ámbito formativo, a Estratexia avogar por favorecer o acceso das persoas maiores a iniciativas ao longa da vida que lles proporcionen novos intereses, recursos e oportunidades de encontro e realización persoal.
O Goberno galego quere que esta Estratexia de Envellecemento Activo dende a Innovación 2016-2020 sexa o resultado dun proceso de participación, que se acaba de iniciar coa publicación do seu marco de actuación no enderezo web da Consellería de Política Social. Deste xeito, preténdese a intervención das administracións públicas, universidade, tecido empresarial, colectivos profesionais, asociacións e cidadanía en xeral.
Así mesmo, unha segunda fase de elaboración da Estratexia consistirá en enquisas –por escrito e telefónicas- a persoas maiores de 55 anos que residan en Galicia para coñecer as súas preferencias en canto a actividades e plans vitais. E un último paso na implantación desta iniciativa será a creación de grupos de expertos para o desenvolvemento das liñas de actuación que queden determinadas na Estratexia.