Thursday 21 de November de 2024

A Xunta e o Pantín Classic colaboran un ano máis na loita contra a Violencia de Xénero


Cun investimento de 80.000 euros nos últimos catro anos, o Goberno galego aposta polas campañas de sensibilización e a atención especial ás vítimas e aos seus fillos no marco deste campionato de surf

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, asistiu esta noite á Gala Pantín Genuines by Jael Joyería. Un evento celebrado no marco do Abanca Pantín Classic GaliciaPro no que se recoñece o labor de persoas estreitamente vinculadas ao mundo do deporte en xeral e a este campionato internacional de surf en particular.

Este ano, o Goberno galego asinou un convenio de 18.000 euros coa organización deste evento co obxectivo de sensibilizar na loita contra a violencia de xénero e ofrecer ás vítimas e aos seus fillos unha atención diferenciada no marco do campionato. Nos últimos catro anos, o financiamento destinado ao Pantín Classic para actuacións neste ámbito ascende ata os 80.000 euros.
Espazos de Conciliación na Praia
A dirección xeral de Promoción da Igualdade pechou outro convenio coa organización deste evento para desenvolver o programa Espazos de Conciliación na Praia durante o campionato, con actividades de lecer para menores de entre 4 e 16 anos coa finalidade de favorecer a conciliación familiar e os coidados.