Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño mellorará a eficiencia enerxética do ximnasio municipal cunha achega do Fondo de Cooperación Local adicional


O Concello de San Sadurniño ten en fase de licitación pública as obras de mellora da eficiencia enerxética do ximnasio municipal, orzamentadas en cerca de 56.000 euros. Os traballos centraranse na reparación da envolvente do edificio e no cambio do sistema de calefacción, coa finalidade de evitar as perdas que repercuten negativamente nos consumos das instalacións. A intervención servirá, ademais, para refrescar o ambiente nos meses cálidos e para acadar unha ventilación máis axeitada do interior. As empresas interesadas en presentar ofertas para facer a obra teñen de prazo até a medianoite do 18 de setembro.

O ximnasio municipal está situado ao carón do pavillón e do CPI de San Sadurniño. Inaugurado hai algo máis de quince anos, o edificio ampliouse en 2013 e desde aquela non se fixo ningunha intervención máis, agás a renovación cada certo tempo do equipamento interior.

Agora o que se propón é facer unha rehabilitación de certa envergadura coa que lograr unha maior eficiencia enerxética e tamén maior confort interior. Por iso, no proxecto técnico encargado polo Concello descríbense ao detalle dúas grandes actuacións: por unha banda reacondicionar toda a envolvente -cuberta e fachadas- para dotalas de illamento térmico e, por outro lado, substituír o actual equipo de aire acondicionado por un sistema de aerotermia mediante bomba de calor reversible (o mesmo quenta no inverno que arrefría no verán) que tamén cubra a demanda de auga quente sanitaria.

Do que se trata, en resume, é de reducir ao mínimo as demandas enerxéticas do edificio e de dotalo dunha climatización de menor consumo eléctrico, seguindo o camiño emprendido polo Concello noutras dependencias municipais -Centro Municipal de Empresas, Casa da Cultura, casa consistorial- para tender ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible relacionados coa redución da pegada de carbono e a emisión de gases de efecto invernadoiro.

O proxecto está orzamentado en 55.837,37 euros, ive incluído, e figura desde este martes na Plataforma de Contratación co Sector Público do Concello de San Sadurniño. Sae a licitación mediante procedemento aberto simplificado dando até as 23:59h do día 18 de setembro para presentar ofertas.

A obra financiarase con cargo a unha achega de 60.000 euros do Fondo de Cooperación Local adicional. Unha contía que a Xunta libra nun 80% no momento da concesión, comunicada este mes de agosto, mentres que a parte restante se fará efectiva no momento de xustificar a execución dos traballos e unicamente pola diferenza necesaria para cubrir o cento por cento do seu custe.

O alcalde, Secundino García, comentou que a achega do FCL “é de grande axuda para levar a cabo este tipo de actuacións”, pero tamén criticou os prazos “tan axustados” que dá a Xunta para executar e xustificar as obras. “A Xunta comunica a concesión dos fondos en agosto, cando os concellos estamos baixo mínimos, e obrígannos a ter as obras licitadas, contratadas e rematadas para o 15 de novembro como moi tarde. Aínda que nós creo que non imos ter problema para cumprir, é un tempo demasiado escaso para resolver a parte administrativa e completar os traballos. Sería desexable que a Xunta dese máis marxe”, comentou o rexedor engandindo, porén, que os distintos departamentos autonómicos “adoitan aceptar as peticións de prórrogas debidamente xustificadas”.