A preinscrición debe formalizarse entre o 3 e o 5 de setembro no Edificio Administrativo da Laracha.
O Concello volve organizar unha nova excursión co propósito de ofrecer ao colectivo das persoas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas que estean empadroadas no termo municipal da Laracha unha alternativa de ocio e cultural para o aproveitamento do seu tempo de lecer, favorecer o envellecemento activo e fomentar as relacións sociais entre os veciños dese grupo de idade. Neste ocasión consistirá nunha viaxe a Peñíscola e a Costa do Azahar.
A expedición sairá da Laracha en autobús na mañá do 1 de outubro e regresará o día 8. A primeira parada durante a viaxe de ida será en Burgos. Nos seguintes días visitarán Peñíscola, Morella, Castellón, o Delta do Ebro (incluíndo un paseo en barco na desembocadura), Vinaroz e a Cova de San José. A volta tamén será en dúas etapas, cunha parada na localidade de Llanes.
O prezo por persoa en habitación dobre (hoteis de tres e catro estrelas), réxime de pensión completa (almorzo, comida e cea) e incluíndo todas as visitas guiadas, entradas e seguro de viaxe é de 520 euros. O suplemento para os que escollan habitacións individuais é de 154 euros. O Concello financiará integramente o custe do transporte en autobús.
As persoas que cumpran os requisitos e desexen realizar a excursión deben preinscribirse os días 3, 4 e 5 de setembro (do martes ao xoves da próxima semana) dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais, situado no edificio administrativo da Laracha. Terán prioridade para obter as prazas aquelas persoas que non participaran nas dúas últimas viaxes destas características organizadas polo Concello.
O luns 9 de setembro ás 11:00 horas farase un sorteo público no Salón de Plenos para adxudicar as prazas se hai máis de cincuenta preinscritos.