O venres cumpríuse o prazo de 15 días hábiles de exposición pública do orzamento municipal sen que nese periodo se presentase ningún tipo de alegación ao documento, de maneira que o proxecto de ingresos e gastos de San Sadurniño para este ano xa está en vigor. A contía ascende a 2.777.900 euros, unha cifra moi semellante á do exercicio do ano pasado -baixan apenas un 0,7%- que busca preservar a prestación de servizos públicos fundamentais a través de cinco liñas estratéxicas: o fortalecemento das políticas sociais en materia de igualdade, benestar e servizos á dependencia; un maior esforzo investidor dirixido á conservación e mellora da rede viaria; o reforzo das políticas de desenvolemento local e promoción económica, o mantemento da actividade cultural e deportiva, o apoio ás entidades do municipio e, por último, a continuación das actuacións en materia de aforro e optimización do consumo enerxético.
Á hora de deseñar as contas municipais o goberno local apunta á prudencia no tocante á previsión de ingresos procedentes doutras administracións, que sustentan arredor do 64,5 da economía municipal, e indica que os orzamentos deste ano non traen aparelladas subas de impostos e taxas. De feito, o único incremento -aprobado xa o ano pasado- é o referido ao IVTM que, malia iso, segue sendo o segundo máis barato da comarca. No canto de aumentar a carga impositiva sobre a cidadanía, o documento orzamentario pon o acento na necesidade de continuar aforrando en aspectos como o consumo enerxético ou nos custes do tratamento do lixo.
O apartado de gastos divídese porcentualmente da seguinte maneira: un 43% en persoal -350.000 euros dos 1.195.000 totais correspóndense coa área de servizos sociais-, un 28% (778.000 euros) destinarase a gasto corrente, o 25,5% (708.000 euros) irán para investimentos en obras, principalmente para a conservación de vías e para a execución de infraestruturas novas tanto na rede de estradas municipal -aglomerados e sendas peonís- como en equipamentos -135.000 euros para finalizar as intervencións no contorno do campo de fútbol e da piscina municipal-.
O capítulo diminúe un 19% con respecto ao anterior exercicio a pesar de que o número total de obras que se vai executar aumenta. Isto débese a que en 2015 se reservaron 342.000 euros para unha única obra, a do campo de fútbol de Corrás, mentres que en 2016 as actuacións son máis numerosas pero de menor importe, financiadas dentro dos programas provinciais POS e PAS. As máis destacables son o aglomerado do principal eixo de Bardaos -112.500 euros-, a pavimentación Soutocalvo-Pontellas -77.000 euros-, a senda peonil do Eirexado/A Ferraría -36.000-, a pavimentación Regueiro Cavado/A Ribeira -46.000-, a das pistas Moimentos/A Golpilleira, O Albeiro e O Laranxol -58.700 euros-, as obras de urbanización parcial na Agra de Abaixo e a ampliación do abastecemento ao Cochón -30.200-, a xa citada no contorno da piscina e outras pequenas actuacións que se incluirán no Fondo de compensación ambiental por valor de 37.000 euros.
O resto dos importes -96.000 euros- (un 3,45%) serán para transferencias correntes. Aquí englóbanse as axudas ao tecido asociativo e deportivo do municipio -62.000 euros para subvencións e convenios nominativos- e as dirixidas a bolsas escolares e servizos de conciliación. Para becas e axudas ás familias con nenos e nenas da escola infantil municipal hai reservada unha partida de 25.000 euros: 10.000 para estudos post obrigatorios, 5.000 para os obrigatorios, 8.000 para distribuír entre as familias da EIM e 2.000 para atender casos de situacións especiais que poidan xurdir durante o ano.
Cómpre ter en conta que os orzamentos de 2016 tamén contemplan unha pequena previsión de ingresos en concepto de Imposto de Construcións e Obras, que se verán sensiblemente reducidas por mor da paralización de licenzas de nova construción mentres non se aprobe definitivamente o PXOM. Con todo, o Concello modificou as bases das axudas á autoconstrución de vivendas -ata un 50% do ICIO en zonas sen abastecemento de auga nin sumidoiros municipais- introducindo a posibilidade de que se acollan ás bonificacións tamén as obras de rehabilitación.