Friday 22 de November de 2024

Un novo obradoiro de emprego permitirá a contratación de 20 oleirenses en desemprego


Un total de 20 veciños e veciñas de Oleiros en situación de desemprego poderán formarse en carpintería e xardinería a partir do mes de decembro, durante 9 meses, percibindo un salario de 1.134 euros, máis as pagas extras. Ademais, tras finalizar a formación, terán un contrato nunha empresa por un prazo mínimo de 3 meses.

 

Será a través dun novo obradoiro de emprego para o que o Concello recibirá 411.928 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. A achega municipal será de 39.987,15 euros.

 

As persoas interesada en participar deben contactar co Centro Municipal de  Formación Isaac Díaz Pardo, na Urbanización Os Regos, ou chamar por teléfono ao 981 610 319. Entre os meses de outubro e novembro procederase á selección do alumnado e o persoal directivo e docente, mediante un proceso público. Todas as persoas interesadas, ademais de ser veciños e veciñas de Oleiros, teñen que estar inscritas no servizo público de emprego como demandantes de emprego como demandantes de formación nos obradoiros de emprego ou demandando formación nunha das especialidades que se ofertan (madeira e/ou xardinería).

 

Con este novo obradoiro, ademais de formar as 20 persoas participantes, procederase a diversos traballos de mantemento e mellora de xardinería e carpintería en distintos espazos públicos.