O alumnado do centro comezará o novo curso lectivo 2024-2025 coa infraestrutura remodelada e ampliada, respondendo á solicitude do centro
O Concello da Coruña rematou os traballos de remodelación e ampliación da área de xogos infantís do CEIP San Francisco Javier. O alumnado da Cubela comezará o curso lectivo 2024-2025 coa infraestructura mellorada, dando resposta á solicitude do centro para dispoñer dun espazo de xogos máis amplo.
Anteriormente, o parque infantil do colexio estaba distribuído en seis parcelas individuais con firme de caucho, de tamaños diversos. Coa reconfiguración formulada polo Concello, a área de xogos infantís pasa a estar totalmente unificada, ampliando as súas dimensións e mellorando as instalacións do CEIP, tal e como se comprometera o Goberno de Inés Rey.
En concreto, dispúxose dun novo firme de caucho con diversas tonalidades de cor vermello, ocre, azul cian e azul mariño. Ademais, restauráraronse e acondicionaronse seis xogos xa existentes: un pequeno tobogán, bambáns individuais e balancíns con capacidade para varias persoas usuarias. Tamén se instalou unha nova estrutura multixogo con capacidade para 14 persoas usuarias e adaptada a nenas e nenos en idade de catro anos en diante. Esta estrutura inclúe, por exemplo, un gran tobogán e tamén randeeiras. Os traballos foron executados durante a parada lectiva da tempada estival, para non interferir no desenvolvemento das actividades educativas.
En paralelo, o Concello tamén mellorou as áreas de xogos do CEIP Salgado Torres, renovando o firme de caucho nas catro superficies nos exteriores do colexio e dispoñendo novas cores do pavimento, seguindo as recomendacións da Fundación ENKI para desenvolver habilidades cognitivas e sensoriais dende unha perspectiva inclusiva.
O Goberno de Inés Rey ten previsto acometer este 2024 actuacións por valor de máis dun millón de euros en obras de mellora, reforma e acondicionamento nas instalacións das Escolas Infantís Municipais, colexios e centros de educación especial, entre outros.